CULTURA

Aline Frazao inaugura o ciclo Íntimo & Acústico presentando o seu novo disco

15/02/2012 Aline Frazao é a encargada de inaugurar o novo ciclo da Concellería de Cultura Íntimo&Acústico. Será nun concerto o xoves 16 de febreiro, ás 21:00 horas no Teatro Principal, no que nos presenta o seu último traballo, Clave Bantu.

Aline Frazao é unha moza angolana cantora, guitarrista e compositora que naceu en Luanda en 1988 e vive actualmente en Santiago de Compostela. Aline pertence á nova xeración de músicos angolanos que combinan a música de raíz africana con influencias que oscilan entre o Jazz e a Música Popular brasileira.

Clave Bantu é un disco sincero e cru, vestido dunha lírica delicada e crítica, sen perder de vista a riqueza rítmica que reflexa as súas influencias atlánticas nun triángulo mestizo que ten a súa base claramente definido no eixo Angola-Brasil. Un traballo que vén a confirmar por que algúns consideran a esta cantora de Luanda de apenas 23 anos unha das máis interesantes promesas da música lusófona.

Ao carón de Aline, dous talentosos músicos: o contrabaixista cubano José Manuel Díaz, que colabora tamén nos arranxos de cada tema, e na batería e percusión o galego Carlos Freire. Ademais, conta con dous convidados especiais: o trombonista portugués Rubén da Luz e o guitarrista brasileiro Sergio Tánnus. O álbum inclúe dous temas compostos con textos inéditos dos escritores angolanos José Eduardo Agualusa e Ondjaki.

As entradas para este concerto teñen un prezo de 8 euros anticipada e 10 euros xa o día do concerto. Poden mercarse nas billeteiras da Concellería de Cultura, no propio Teatro Principal, no seu horario habitual, de 18:00 a 21:00 horas.

Íntimo&Acústico ofrece oito concertos que, tal e como indica o nome do ciclo, responden a formatos máis íntimos e serán no Teatro Principal e na Zona "C". O ciclo contará, despois desta inauguración de Aline, con Simon Finn, Rebeca Jiménez, Cardigan Bridge, Jane Joyd, Patricia Moon, Daniel Higgs, Maika Makovski+Gentle Music Men, Abe Rábade Trío, Sumrrá e Coque Malla.

Compartir: