ALCALDÍA

O alcalde defende o paso do AVE do Eixo Atlántico polo aeroporto de Lavacolla para competir con Sá Carneiro

15/02/2012 O alcalde, Xerardo Conde Roa, realizou unha visita institucional ao rexedor vigués, Abel Caballero. O rexedor compostelán expuxo a súa iniciativa de que o AVE do Eixo Atlántico pase polo aeroporto de Lavacolla co fin de poder competir con Sá Carneiro (Porto).

Conde Roa e Caballero falaron da situación aeroportuaria. "Peinador merece todo o respecto do mundo e preocúpanos que a cifra de viaxeiros descenda", indicou o alcalde compostelán. Neste sentido, quixo deixar claro que "Lavacolla non quere competir con Peinador" e que "o problema de Galicia e de Vigo é Sá Carneiro".

Fronte a isto, dixo, "Santiago formula unha alternativa clara", en referencia á defensa da conexión do AVE do Eixo Atlántico co aeroporto de Lavacolla. "Imos seguir defendendo esa conexión do AVE para competir con Sá Carneiro", apuntou, apostando pola "unión de Galicia" para facer fronte ao aeródromo luso.

A preguntas xornalistas, o alcalde indicou que o custo deste bypass sería duns 85 millóns de euros, polo que considerou que "existen posibilidades reais de realizar esta infraestrutura".

Sobre a política de captación de liñas aéreas, Conde Roa afirmou que "non falamos de cifras nin imos discutir a política do Concello de Vigo, porque non somos quen de opinar do que un concello fai cos seus orzamentos; non vimos a impoñer a nosa opinión, senón a expoñela". Xa falando de Santiago, reiterou que "temos unha política clara de subvención cero ás liñas de baixo custo". Defendeu a "vocación internacional" de Lavacolla e a necesidade de potenciar as conexións transoceánicas.

En calquera caso, Xerardo Conde Roa cualificou a reunión de "cordial" e marcada polo "respecto". "Con esta xuntanza racháronse os tabús de incomunicación entre cidades", indicou, valorando a "receptividade" atopada.

Documentos relacionados



Compartir: