EDUCACIÓN

Visita de profesores e profesoras do IES Xelmírez II á mostra "Compostella dicitur"

15/02/2012 Un grupo de profesores e profesoras do IES Xelmírez II visitaon a exposición Compostella dicitur. A cidade da Catedral. Santiago en 1211. O concelleiro de Educación, Ángel Currás, participou neste encontro.

Durante a visita, o arquitecto do Consorcio da Cidade de Santiago, Ángel Panero, realizou unha intervención sobre o proceso da rehabilitación da Casa do Cabido. Ata o momento, a mostra recibiu xa máis de 7.000 visitantes, confirmando a receptividade e o interese que ten esta exposición para o profesorado, as familias e os cidadáns en xeral.

No mes de xaneiro abriuse o programa de visitas didácticas á exposición Compostella dicitur. A cidade da Catedral. Santiago en 1211, que se pode visitar nun dos edificios máis emblemáticos da praza de Praterías, a casa do Cabido, un edificio barroco que naceu como unha resposta para pechar o lado sur da praza e que foi recentemente rehabilitado.

Pasados os traballos de rehabilitación do edificio, este abriu ao público o 9 de xaneiro. Estes traballos desenvolvidos na Casa do Cabido enmárcanse no proxecto global de actuación cultural que o Consorcio da Cidade de Santiago está a realizar na praza das Praterías, xunto coa remodelación do edificio do antigo Banco de España, que se está a acondicionar como sede principal do Museo das Peregrinacións e de Santiago.

As visitas didácticas están orientadas a grupos de escolares, asociacións e colectivos interesados da cidade e xiran en torno á exposición mencionada. Trátase dunha mostra cun marcado carácter multimedia, cunha produción audiovisual tridimensional e interactiva que procura trasladar ao visitante á Compostela do século XIII, cando finalizaban as obras da Catedral románica.

Os interesados que queiran realizar unha visita guiada poden apuntarse previamente nos teléfonos 981 554 400 e 981 554 401 (Departamento de Educación), ou a través do correo electrónico dptoeducacion@santiagodecompostela.gal

Compartir: