ENTROIDO

O Entroido 2012 trae festivais, desfiles, premios e moita animación

14/02/2012 Xa está aberto o prazo para inscribirse e participar no desfile-concurso do Entroido 2012. que terá lugar o martes 21 de febreiro. Pero a animación comezará xa antes, o sábado 12, dando paso a uns días de festivais, desfiles e animación nas rúas. O orzamento para esta celebración é de 75.000 euros, case un 25% menos que no ano 2011.

O concelleiro de Participación Cidadá, Francisco Noya, presentou o programa do Entroido, que comezará o sábado 18 con animación de comparsas e o desfile do Meco dende a praza de Cervantes ata a praza do Toural. Alí, dende os balcóns de Bendaña, Mofa e Befa pronunciarán o pregón do Entroido.

O domingo 19 será o día dedicado aos nenos. Ademais da animación de rúa pola mañá, está prevista a celebración, a partir das 17:00 horas, na Sala Capitol, dun festival infantil de disfraces. Poderán participar rapaces e rapazas ata 14 anos e a entrada será de balde. Haberá animación, baile, concursos, sorteo de agasallos e entrega de bolsas-cotillón. Os mellores grupos, parellas e disfraces individuais terán premio.

Desfile do martes de Entroido
O martes 21 celebrarase o tradicional desfile de Entroido, aberto a tódalas asociacións, barrios, comunidades, colexios e persoas que o desexen. Comezará ás 17:30 horas na Estación do Ferrocarril, seguindo o seguinte itinerario: Romero Donallo, Santiago de Chile, Frei Rosendo Salvado, praza Roxa, República do Salvador, Hórreo e Senra, para rematar na avenida de Xoán Carlos I. Unha vez rematado o desfile as carrozas aparcarán na avenida de Coruña e as comparsas participantes irán ao paseo central da Alameda.

A inscrición para o desfile-concurso formalizarase na Concellaría de Festas (Teatro Principal - rúa Nova, 21) ata as 14:00 horas do luns 20 de febreiro. Pode obterse máis información no teléfono 981 542 347 ou no fax 981 542 348, ademais de no propio Teatro Principal.

Haberá varias categorías de participación: carrozas, comparsas, grupos, parellas e individual. Os elixidos como gañadores polo xurado repartiranse 12.200 euros en premios. Nas categorías de carrozas e comparsas, os primeiros clasificados levarán 2.000 euros, polos 400 que levará o mellor grupo, os 300 da mellor parella o os 150 do mellor disfrace individual. Ademais, haberá premios especiais para as mellores comparsas procedentes das parroquias e barrios do municipio.

Queima do Meco
E xa para rematar o Entroido 2012, o mércores realizarase o acompañamento do Meco ata a praza Roxa. O boneco será queimado nunha sesión que contará coa animación de Mofa e Befa e coa música da Banda Municipal.

Francisco Noya valorou que a programación do Entroido deste ano 2012, sen minguar a súa calidade, custa 75.000 euros, fronte aos 98.000 euros de 2011, e sen variar a contía destinada a premios. Ademais, recordou que está en marcha a programación de Entroido dos centros socioculturais, con máis de 80 actividades. A isto hai que sumar igualmente as celebracións dos Xenerais da Ulla, que farán os seus atranques en Marrozos, Aríns e O Eixo.

Compartir: