TURISMO

Santiago de Compostela acolle a segunda edición de Retro Galicia

14/02/2012 A concelleira de Turismo, Reyes Leis, e o director xeneral de Eventos del Motor, José Enrique Elvira, presentaron no Pazo de Raxoi a segunda edición de Retro Galicia, o Salón do Vehículo Clásico e de Época. O evento celebrarase do venres 17 ao domingo 19 no recinto feiral de Amio. A edición do 2011 tivo 20.000 visitantes, amosando o interese que espertan os eventos relacionados co motor.

Na edición deste ano aumenta o número de expositores. Haberá expositores procedentes de sete países distintos, que ofrecerán tanto automóbiles e motocicletas de época, como unha ampla gama de recambios e pezas. Ademais, aumenta nun 30% o espazo expositivo, chegándose ata os 18.000 metros cadrados de exposición interior e exterior no recinto feiral de Amio.

Un dos grandes atractivos desta edición é unha retrospectiva Porsche, na que se poderán ver máis de 30 deportivos que repasan a historia desta emblemática marca de Stuttgart, dende os primeiros 356 nas súas diferentes versións a modernos modelos como o 997 GT3, pasando por deportivos que marcaron época, como por exemplo o 911 RSR do 74, o 935 Le Mans, o 959 ou o Carrera GT.

Na mostra de Retro Galicia tamén poderán atoparse numerosos vehículos de carreiras, algúns dos cales son "xoias", como o Renault 5 Turbo co que Jesús Puras competiu por toda España a mediados dos 80, o Ford Fiesta ex oficial que empregou Salvador Serviá ou mesmo, sen retroceder tanto no tempo, o Delta Integrale do mundialista equipo Lancia, pilotado no seu momento por Yves Loubet.

Retro Galicia tamén quere prestar servizos especiais aos propietarios de vehículos clásicos. Así, haberá unha ITV móbil a súa disposición, para aqueles que queiran aproveitar a visita para pasar tamén a Inspección Técnica sen necesidade da cita previa habitual e a un prezo especial. A ITV móbil estará presente todo o sábado 18.

Os horarios do evento serán: o venres 17 de febreiro, de 16:00 a 21:00 horas; o sábado 18 de febreiro, de 10:00 a 22:00 horas; e o domingo 19 de febreiro, de 10:00 a 20:00 horas.

Documentos relacionados



Compartir: