DEPORTES

O alcalde recibiu as seleccións de fútbol feminino de España e Austria

14/02/2012 O alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, recibiu en Raxoi as seleccións de fútbol feminino de España e Austria, que se enfrontarán no Estadio de San Lázaro o mércores 15, ás 20:45 horas.

Conde Roa agradeceu a organizadores e patrocinadores o seu traballo para facer realidade este partido internacional, cuxa celebración en Santiago considerou un motivo de satisfacción. Tanto ás futbolistas españolas como ás austríacas desexoulles unha feliz estanza en Santiago, cidade vinculada a Austria tamén a través da peregrinación. Neste sentido, falou do importante número de peregrinos austríacos que chegan a Compostela cada ano.

Pola súa parte, o presidente da Federación Galega de Fútbol, José García Liñares, agradeceu ao Concello a súa implicación neste partido e o seu desexo de que sexa unha festa para Santiago e para o fútbol feminino.

Visita á cidade
Despois da recepción no Concello, as 18 convocadas por España e o equipo técnico visitaron a Catedral e pasearon polas rúas de Compostela. Pola tarde tiñan previsto un primeiro contacto co Estadio Municipal de San Lázaro no adestramento oficial. Na mañá do mércores teñen previsto realizar unha breve visita á cidade, para logo permanecer concentradas ata desprazarse a San Lázaro para o partido.

Bandeira do xogo limpo e exposición de fotos
Oito rapaces e rapazas pertencentes a clubs de fútbol de Santiago portarán a bandeira do xogo limpo antes de iniciar o partido, e outros oito desfilarán no campo coas enseñas española e austríaca. Ademais de coa presenza destes nenos, o fútbol da cidade será visible a través da exposición de fotografías que se ubicará na zona do palco. Unha mostra de imaxes permitirá percorrer coa vista os primeiros anos deste deporte en Santiago, cunha selección de fotos dos anos trinta, corenta e cincuenta cedidas por varias entidades deportivas da cidade.

O secretariode Estado para o Deporte, entre os asistentes
Entre asautoridades que ocuparán o palco estará o secretario de Estado para o Deporte, Miguel Cardenal, que ten confirmada a súa asistencia ao encontro. O alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, e outros membros da Corporación -entre eles o concelleiro de Deportes, Adrián Varela- estarán acompañados por representantes das federacións española e galega de fútbol e diversas personalidades vinculadas co mundo do deporte.

Retransmisión televisiva e venda de entradas
As localidades para o partido pódense adquirir en horario de 10:00 a 14:00 horas nas oficinas do Departamento de Deportes do Concello de Santiago, e a partir das cinco da tarde na billeteira do Estadio de San Lázaro e na caseta da praza de Galicia. O prezo é de 5 euros en preferencia e de 7 euros en tribuna. Os clubs de fútbol da cidade, en gratificación pola súa colaboración na promocióne na venda de entradas para o evento, contan cunha serie de invitacións para menores de 14 anos que se están a distribuír principalmente entre os seus membros.

O partido poderá verse en toda España grazas á retransmisión que realizará en directo Marca TV.

Documentos relacionados



Compartir: