CULTURA

David Amor inaugura "Falabaratos. Monólogos, contos e outros shows"

13/02/2012 David Amor inaugura o martes 14 un novo ciclo da Concellaría de Cultura, Falabaratos. Monólogos, contos e outros shows, co seu espectáculo Fóra de sitio, ás 21:00 horas no Teatro Principal.

Dentro deste ciclo, seis monologuistas de primeira liña ofrecerán os seus últimos espectáculos no Teatro Principal. Ademais de Amor, estarán Quico Cadaval, Sergio Pazos, Leo Bassi, Luis Piedrahita e Godoy. David Amor repetirá sesión o mércores 15, tamén ás 21:00 horas, no Teatro principal. As entradas, a 6 euros, poden mercarse en Novagaliciabanco e nas billeteiras da Concellería, no Teatro Principal, de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas.

David Amor comeza no 2001 en O rei da comedia, programa para a TVG (onde ata o momento realiza a maior parte da súa carreira audiovisual). De aí pasa ao Supermartes, programa veterano de variedades, onde desenvolve distintas disciplinas: colaborador, guionista, voz de marionetas... Na TVG participará en varios proxectos durante anos. Programas de variedades como Luar, A terra dos prodixios, O programón, e ata un espazo propio, Supermaster. Na ficción tamén contarán con el en distintas cousas: Mareas Vivas, 4º sen ascensor, Pataghorobí.

Polos bares a súa fama vai medrando, un humor que mestura a tradición da terra, cala entre o público para cada vez pisar mellores auditorios. Empeza a presentar eventos de relevancia coma o Campionato do mundo de hokey. Con toda esta experiencia David decide dar o salto a unha canle nacional. Preséntase ao casting de O club do chiste, onde o collen e empeza a traballar con Globomedia con grandes humoristas da talla de Anabel Alonso e Leo Harlem. Con este último crea un espectáculo, Pasa a tomar un café cando queiras…, estreado en 2010. O éxito é tal que aínda seguen pechando datas con este espectáculo.

Na actualidade, David ten encamiñada a súa carreira cara á ficción en televisión e cinema a nivel audiovisual e como humorista percorre os teatros de España demostrando que sabe algo máis que contar chistes.

O espectáculo: Fóra de sitio
En 1999 David preséntase a un concurso de beleza, e outórganlle un premio, "Mr Simpatía". Este feito, a pesar da crueldade, non fai que David se veña abaixo, e decide reconducir a súa carreira. Pasa a Antena 3; ao Club do Chiste, para desenvolver esa faceta na que pensaba que destacaba, pero alí empezan a tratalo de guapo e xa foi cando o noso protagonista se sentiu fóra de sitio….e sentiu a necesidade de contalo.

E é que este é un galego atípico, sempre sabe se sobe ou baixa, sobre todo se a escaleira é mecánica. Se vostedes non van ver este espectáculo sentiranse así, Fóra de sitio.

Compartir: