EMPREGO

O Concello de Santiago pon en funcionamento a primeira Axencia Local de Colocación pública de Galicia

13/02/2012 A concelleira de Familia, Benestar Social, Muller e Emprego, Paula Prado, anunciou a posta en marcha da Axencia Local de Colocación, que será a primeira de Galicia con carácter público. Este servizo, que conta tamén cunha nova imaxe gráfica, ofrecerá servizos de orientación e intermediación laboral.

Paula Prado explicou que un dos cometidos da Axencia é o da orientación profesional e laboral ás persoas desempregadas. Búscase a elaboración de diagnoses individualizadas sobre necesidades e expectativas, a información sobre o mercado de traballo, a realización de itinerarios individuais e personalizados ou a orientación para o recoñecemento de competencias.

Neste eido da orientación realízanse diversos tipos de accións, como a titoría individualizada, isto é, un proceso de orientación profesional que permita trazar un itinerario de inserción profesional. A elaboración deste é outra dos cometidos do Servizo, potenciando os recursos e competencias do demandante. A concelleira indicou que o obxectivo é realizar 25 destes itinerarios ao ano.

Dende Axencia tamén se desenvolven os aspectos persoais para a ocupación, que facilitan a posta en marcha e mantemento de actividades nun proceso de inserción profesional. Outras das accións son os grupos de busca de emprego e os talleres de entrevista, que axudan aos demandantes a afrontar con maiores posibilidades de éxito unha entrevista de traballo.

Finalmente, ofrécese información sobre ofertas de emprego, publicando un Boletín de Ofertas de Emprego semanal. Ademais, Paula Prado anunciou que no mes de xuño se sacará unha Guía de Oportunidades de Emprego no Verán.

Intermediación laboral
O segundo eixo de traballo da Axencia Local de Colocación é a intermediación laboral, "aplicando políticas tendentes a diminuír o nivel do desemprego, con atención especial aos colectivos con máis dificultades de acceso ao mercado de traballo, e especialmente ás mulleres", indicou a edil. A Axencia contacta coas empresas para difundir información sobre as súas iniciativas de inserción laboral e realiza a intervención sociolaboral.

Ademais, prodúcese unha intermediación laboral a través da Bolsa de Emprego. Na actualidade, están inscritas 4.000 persoas e 1.000 empresas. Cómpre citar tamén a existencia dun Servizo de Captación de Ofertas e doutro Servizo de Prospección do Mercado de Traballo.

Normativa autonómica
Paula Prado apuntou que a entidade está pendente da normativa autonómica que regule as axencias locais de colocación, "co fin de que actúen como o Servizo Galego de Colocación, pero a nivel local". En calquera caso, indicou que a de Santiago conta con todos os requisitos esixidos para a devandita cualificación, como a da solvencia técnica. Así, na actualidade traballan neste servizo oito persoas, entre titores de intermediación, orientadores laborais, axentes de desenvolvemento local e persoal administrativo.

Imaxe gráfica
Sobre a nova imaxe gráfica da Axencia Local de Colocación, o técnico Xabier Ferreiro explicou que se resume en tres conceptos: unidade (das administracións), apoio (aos demandantes de emprego) e colaboración (dos axentes implicados na busca de emprego).

Compartir: