ALCALDÍA

O alcalde aposta por converter Lavacolla no "gran centro de comunicacións de Galicia"

13/02/2012 O alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, aposta por converter Lavacolla non só non "aeroporto central de Galicia", senón no "gran centro de comunicacións de Galicia". Quere que a estación do AVE e mesmo a estación de autobuses se sitúen en Lavacolla, e así llo transmitirá ao presidente da Xunta e á ministra de Fomento.

Conde Roa cre que o AVE a Lavacolla debe ser "unha aposta estratéxica de Santiago e de Galicia". E nese sentido, vai máis alá e considera "viable" levar as futuras estacións do AVE e de autobuses a esta ubicación, deixando a actual estación de RENFE para "cercanías e un gran parque urbano".

O alcalde quere manifestarlle á ministra de Fomento, Ana Pastor, esta idea, que considerou "cargada de racionalidade". Do mesmo xeito, agarda contar co apoio do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, xa que, na súa opinión e "fuxindo de localismos", este é un proxecto que "contribuiría a vertebrar Galicia".

Iberia Express, en Lavacolla a partir de xuño
Esta declaración de intencións foi realizada polo alcalde tras manter unha xuntanza co xerente comercial do norte de España de Iberia, Ignacio Fariña; co director xeral comercial e de clientes, Manuel Antonio López Aguilar, e co director de ventas España, Víctor Moneo Ocaño. Desta reunión saíu o anuncio de que Iberia Express comezará a operar no aeroporto de Lavacolla no mes de xuño.

A entrada de Iberia Express, que substituirá a Iberia nas conexións a Madrid, traducirase nun incremento de frecuencias e do número de asentos ofertados á capital de España. Así, fronte ás 31 conexións semanais que ofrece actualmente Iberia, a súa filial asumirá estas e ofrecerá catro máis, para alcanzar en xuño un total de 35 conexións semanais a Madrid, aumentando tamén en torno a un 4% o número de asentos á venda. Manuel Antonio López Aguilar apuntou igualmente que, cara o ano 2013 e a medida que Iberia Express medre, se contemplará a posibilidade dunha conexión diaria máis.

Da reunión tamén saíu o compromiso de seguir traballando para chegar a acordos de promoción turística, co fin de "promocionar o destino Santiago en Europa e en todo o mundo", indicou López Aguilar.

A propósito deste acordo, o alcalde reiterou a súa aposta por "compromisos que permitan a estabilidade de compañías en Lavacolla sen subvención", fronte a outro tipo de acordos que "converten o aeroporto en refén dunha compañía". "Non se pode manter un aeroporto a base de subvencións", reiterou, engadindo que "a curto prazo podemos parecer perdedores, pero a medio e longo prazo seremos gañadores".

"Estamos no camiño correcto", apuntou Conde Roa, referíndose aos estudos que o Concello está a realizar de "fluxos de poboación, producións, destinos..." É un traballo rigoroso e que leva tempo", afirmou, pero amosouse convencido de que será beneficioso por Lavacolla. Neste sentido, tamén indicou que se están a manter conversas "importantes" con distintas compañías, pero sempre coa base de non "dar subvencións a unha compañía por un voo durante un ano".

Documentos relacionados



Compartir: