TURISMO

A parroquia de Marrozos celebra o seu tradicional atranque dos Xenerais da Ulla

10/02/2012 O campo da festa de Marrozos acollerá o sábado 11, ás 19:30 horas, un tradicional alto ou atranque do Entroido dos Xenerais da Ulla. Pero antes, durante todo o día, toda a comparsa, formada por xenerais, correos, coros e parrandas, percorrerá a parroquia convidando aos veciños e visitantes a participar neste Entroido tradicional.

O Entroido da Ulla remonta as súa orixes a primeira metade do século XIX e baséase nos enfrontamentos bélicos que se viviron na comarca nese século: a invasión do exército napoleónico, a revolución do 1846 ou as guerras carlistas. Así, os seus principais protagonistas son vistosas figuras que recrean estes momentos históricos.

Os personaxes máis importantes son os xenerais e correos a cabalo, que percorren as parroquias ao longo do día dando vivas a veciños e visitantes, acompañados dun "exército" de abandeirados, coros, comparsas e parrandas. Rematan escenificando un atranque ou alto, enfrontamento dialéctico por parellas, aproveitado para facer burla e sátira de asuntos locais, de política ou do corazón, acontecidos durante o ano.

O Entroido da Ulla celébrase en vinte e sete lugares e parroquias dos concellos de Boqueixón, A Estrada, Santiago, Silleda, Teo, Touro, Vedra e Vila de Cruces. En Santiago celébrase nas parroquias de Marrozos, Aríns e O Eixo. Aríns celebrará o seu atranque no seu campo da festa o día 18, ás 18:30 horas, e O Eixo o día 19, ás 19:00 horas na carballeira do Souto, en Santa Lucía.

O 3 de febreiro asinouse no Pazo de Raxoi un protocolo de colaboración que ten coma obxectivo xenérico promover conxuntamente as diferentes celebracións do Entroido da Ulla que teñen lugar nos oito concellos. Un dos obxectivos concretos que se marcan é a consecución da Declaración de Festa de Interese Turístico, tanto de Galicia como de España.

Neste ano, coa colaboración das Deputacións de A Coruña e Pontevedra, desenvolveuse por primeira vez unha páxina web, www.xeneraisdaulla.com, na que se pode consultar a información máis interesante sobre a festividade, así como os diferentes eventos que terán lugar nos diferentes lugares e parroquias. Editouse tamén un folleto promocional, que se pode coller na oficina de información de Turismo de Santiago.

Compartir: