COMERCIO

Os gañadores dos sorteos das Noites Abertas recolleron os seus premios en Raxoi

10/02/2012 O alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, e a concelleira de Economía, Comercio, Turismo e Mercados, Reyes Leis, entregaron os premios aos gañadores nos sorteos do programa Noites Abertas, nun acto celebrado no salón vermello de Raxoi.

O primeiro premio, consistente nunha viaxe a Eurodisney para catro persoas, foi para Mª Luisa Fernández Soilán, que recollera o boleto agraciado en Óptica Val. O segundo galardón, unha fin de semana de relax nun hotel-spa para dúas persoas, gañouno Mónica del Alcázar Errazquin, grazas a un boleto entregado en Hugo Boss.

As ceas para dúas persoas do terceiro premio foron para Ana María del Río Amado, cun boleto de Zapatería Zabba, e para Isabel Quelle Campos, que recollera o seu número en Helen. Os cuartos premios –cheques regalo de 50 euros- gañáronos Jesús Fraga Fraga, cun boleto de Hugo Boss; Laura Castelo Loureiro, con número entregado en Dulce Calvo; José Manuel Nieto Mallo, cun boleto recollido en Rei Zentolo, e Juan Molares Agrelo, que recibira a súa participación en Yarda.

Ao acto de entrega dos premios asistiron representantes das tres asociacións de comerciantes da cidade: Compostela Monumental, Acotés e Santiago Centro. A eles deulles as grazas o alcalde, quen indicou que "sempre debe haber liñas de colaboración abertas entre o Concello e as asociacións de comerciantes". Conde Roa tamén aproveitou a súa intervención para felicitar os gañadores.

Os gañadores foran elixidos mediante un sorteo realizado na pista de xeo da Quintana entre os participantes nas Noites Abertas, celebradas os días 23 e 30 de decembro e o 4 de xaneiro. Nestas datas, 97 tendas dos máis diversos ramos –moda, xoiería, óptica, artesanía, xoguetes e máis- abriron as súas portas ata as doce da noite para ampliar o horario comercial habitual e facilitar as compras de última hora no pequeno comercio compostelán.

Os cidadáns que fixeron algunha compra igual ou superior a 20 euros nas tendas participantes, entraron no concurso. O sorteo, no que entraron máis de 15.000 boletos, foi realizado ante o notario Carlos de la Torre Deza, e actuaron como mans inocentes a concelleira de Economía, Comercio, Turismo e Mercados, Reyes Leis, e os distintos representantes das asociacións de comerciantes da cidade, que colaboraron no evento.

Datos de ocupación hoteleira
Preguntado polos xornalistas antes do acto polos baixos datos de ocupación hoteleira, o alcalde indicou que este é "un problema estrutural e xeneralizado que afecta tamén a outras cidades", apuntando que normalmente "nunca son bos os datos de primeiros de ano, e menos nunha situación de crise como esta".

Recordou que hai pouco se mantivo unha reunión cos representantes de hostalería, nas que se lles expresou a vontade de colaboración do Concello, pero manifestou que "nós non somos os directores comerciais dos hoteis e haberá algúns que son máis eficaces que outros". En calquera caso, dixo, "preocúpanos o futuro, pero somos consecuentes co presente".

A propósito doutra pregunta, neste caso sobre as licenzas urbanísticas, Conde Roa afirmou que "non só de urbanismo vai a vivir a cidade e temos ideas que imos por en marcha nese sentido". Situou a caída da actividade nun contexto de crise no que baixou a demanda de vivenda de protección oficial e de problemas de financiamento bancario. Neste eido, referiuse aos concursos de venta de solo realizados no seu día por Emuvissa e que quedaran desertos.

O alcalde rematou a súa intervención sobre esta cuestión lembrando as melloras que se teñen producido no Departamento de Urbanismo, como a redución do tempo de concesión de licenzas e o feito de que "agora os cidadáns teñen máis seguridade xurídica no seu trato co Concello".

Compartir: