ECONOMÍA

O Cersia acolle a presentación do Programa de Loita contra a Morosidade nas Comunidades de Propietarios

09/02/2012 O Colexio Profesional de Administradores de Fincas de Galicia presentará o venres 10 de febreiro o Programa de Loita contra a Morosidade nas Comunidades de Propietarios, unha iniciativa que busca previr e reducir o incremento da morosidade rexistrada nas comunidades de propietarios galegas nos últimos dous anos, que se cifra en máis de 250 millóns de euros. A presentación terá lugar no CERSIA Empresa, edificio municipal para a dinamización económica da cidade.

Durante a presentación do programa farase público o primeiro informe estatístico Observatorio da Morosidade en Comunidades de Propietarios en Galicia, no que se amosa como a morosidade ten aumentado un 50% nos dous últimos anos. O informe articúlase tomando como referencia os datos facilitados por administradores de fincas colexiados adheridos ao Programa, que en conxunto administran máis de 3.000 comunidades de propietarios en Galicia.

A morosidade tense convertido no principal problema das comunidades de propietarios, representando o 82% das reclamacións por parte dos cidadáns que habitan en edificios en réxime de propiedade horizontal. A preocupación por este aumento da morosidade levou á creación do Programa de Loita contra a Morosidade, un instrumento que dota ás comunidades de propietarios das mellores ferramentas para evitar e solucionar o problema dos impagos.

O informe pon de manifesto que en Galicia distínguense diversos grupos de morosos. Existe un 25% de propietarios morosos que obedecen a unha causa selectiva, é dicir, escollen a prioridade e orden das facturas a pagar, retrasando a cuota da comunidade. Outro dos grupos é o denominado "morosos profesionais", que representan un 15% e se caracterizan polo retraso de pago habitual e sistemático aducindo diversas causas sen fundamento legal, senón a modo de pretexto, e onde a problemática do cobro das cuotas prolóngase no tempo. O terceiro grupo está formado polo denominados insolventes reais, que alcanzan o 50% dos morosos totais, e se caracterizan pola ausencia de recursos reais para poder pagar á comunidade.

Compartir: