XUVENTUDE

Os locais de ensaio de San Lázaro contarán cun servizo de xestión e asesoramento

09/02/2012 A Concellería de Xuventude contratou un servizo de xestión das salas de ensaio para novos grupos musicais de San Lázaro. Este servizo garantirá o correcto uso dos equipamentos e manterá un contacto directo cos usuarios dos locais, orientándoos na súa formación musical.

Despois das distintas iniciativas que o Departamento de Xuventude desenvolveu para a promoción das distintas formacións que realizan os seus ensaios nas dúas salas situadas nos baixos do fondo sur do estadio de San Lázaro, como a edición dun book de promoción dos grupos, a realización do Certame MúsicaXove, a produción de exposicións e a promoción de diferentes actuacións, púxose en marcha este servizo que incide no funcionamento e xestión das propias salas de ensaio.

Trátase de garantir o seguimento e dinamización dos locais, así como o asesoramento a cada grupo, establecendo un contacto directo con cada usuario no momento de realización dos seus ensaios. O servizo ten como principias destinatarios os usuarios dos locais, grupos novos, de recente creación, con baixos coñecementos de equipamentos e backline e baixa formación musical.

Segundo se indica dende o Departamento, estas persoas usan o local máis como espazo de recreo e relación que como un recurso de promoción para a carreira musical profesionalizada. A falta de coñecementos sobre os equipos e os seus coidados fai que se provoquen constantes desperfectos no equipamento. Así, a Concellería considera que responsabilizarse destes danos é un primeiro paso para a ordenación do espazo e a resolución de calquera conflito.

Tamén se busca que a presenza estable no local favoreza o diálogo, a orientación e formación musical e o mantemento dunha orde no seu funcionamento. Este servizo funcionará nos locais de ensaio de San Lázaro de febreiro a xullo e de setembro a decembro de 2012.

A contratación deste servizo de xestión dos Locais Municipais de Música para a Xuventude por dez meses ten un custo de 9.868 euros, fronte aos 16.620 euros que supuxo no ano 2011, o que supón un considerable aforro económico sen diminuír a calidade do servizo

Compartir: