CULTURA

Corizonas fai a súa presentación en Santiago dentro do Compostela Rock

09/02/2012 Corizonas son os próximos convidados do ciclo Compostela Rock e chegan a Compostela o venres 10 de febreiro nun concerto no que se presenta a nova banda en Galicia. Ofrecerán en directo os temas do seu novo disco The News Today.

Corizonas, a nova banda de moda do rock español, fórmase froito da unión de Los Coronas e Arizona Baby. O que comezou como unha insólita colisión de dúas bandas tan dispares, musical e xeneracionalmente, coa xira Dos Bandas y un Destino converteuse en a penas un ano na cita obrigada e a xira do momento.

Cumprido con creces o obxectivo inicial, ambos grupos, desafiando a actual lóxica discográfica, acaban de concluír o seu reto definitivo. Un álbum novo, conxunto, de temas propios, as dúas bandas fundíndose nunha soa que xa ten nome, como case todo o mundo os coñece, Corizonas. Un álbum que pasa do rock rexenerado ao country ou o folk máis vital e innovador de bandas claves como Fleet Foxes ou White Stripes á vaguada emocional dos Jayhawks ou á paisaxe evocadora de Calexico. Todo con visión propia, inmaculada e rotunda.

O álbum de Corizonas é The News Today, como unha das súas agudas observacións sobre este mundo en crise. Apareceu inicialmente en España (Subtefuge) o 25 de outubro e con el un novo inicio para esta viaxe conxunta. Un novo concepto que abandona a imaxinería western da xira Dos Bandas y Un Destino, os seus uniformes e posta en escena. Un novo set que deixa parcialmente atrás o repertorio de versións para centrarse nesa pléiade de himnos emocionantes que nos espera. Un novo cartel, novo deseño escénico, e un cambio substancial do seu ideario cinematográfico nas visuais. Todo nunha nova xira que comezou en novembro e que agora chega á nosa cidade da man do novo festival Compostela Rock.

As entradas para este concerto, 15 € anticipada e 18 € na billeteira, poden mercarse na rede Ticketmaster, incluída a súa web, Carrefour, FNAC, Halcón Viajes, Tendas Tipo, A Reixa Tenda, www.iwanna.org e www.salacapitol.com, así como nas billeteiras da Concellaría, no Teatro Principal, de martes a sábado e de 18:00 a 21:00 horas.

Compartir: