PARQUES E XARDÍNS

O Concello reactiva como xefe de fila o proxecto ParkAtlantic, que xa ten web

09/02/2012 A concelleira de Medio Ambiente e Parques e Xardíns, María Castelao, presentou no Cersia a páxina web do proxecto europeo ParkAtlantic, no marco dunha xornada de traballo sobre a comunicación desenvolvida en Santiago. Este novo instrumento de comunicación é unha das medidas adoptadas para reactivar este programa, no que Santiago de Compostela é xefe de fila e no que tamén participan as cidades francesas de Angers e Pau (esta por medio da Communauté d'agglomération Pau-Pyrénées, a irlandesa Limerick (a través do Mid-West Regional Authority), e portuguesa Vila Nova de Famalicão (coa que colabora a Axencia de Desenvolvemento Rexional do Val do Ave-ADRAVE).

María Castelao destacou a dinamización que se fixo deste proxecto dende o mes de xullo, coa posta en marcha dos plans de acción, formación e comunicación, que ata o momento non estaban iniciados. Como xefe de fila, o Concello de Santiago foi o encargado activar estes plans, dos que son partícipes os 56 municipios que forman o proxecto, ademais de Compostela (32 de Angers, 8 da ADRAVE, 4 do Mid-West e 12 de Pau). Este programa europeo rematará a finais deste ano 2012.

No plan de comunicación sitúase a nova web, www.parkatlantic.eu, que en palabras da concelleira, será un "elemento fundamental tanto para a comunicación externa e como interna". A web está dispoñible en cinco idiomas e inclúe toda a información do proxecto, documentación, un seguimento de prensa e instrumentos de participación.

Tamén salientou María Castelao a posta en marcha do plan de formación, que nos vindeiros meses permitirá a "formación coordinada de todos os técnicos que forman parte deste proxecto".

Xunto á concelleira, participaron na rolda de prensa Paula Peixoto (ADRAVE), Linda Newport (Mid-West), Fanny Maujean (Angers) e Jean Pierre Bombaut (Pau).

ParkAtlantic
ParkAtlantic é un proxecto de posta en común de recursos, coñecementos, política ambiental e protección da paisaxe en materia de desenvolvemento urbano e rural sostible. Forman parte do mesmo un grupo homoxéneo de cidades de importantes recursos culturais e naturais nas súas áreas urbanas.

O obxectivo principal deste proxecto é capitalizar o valor dos parques urbanos atlánticos e potenciar a súa contribución ao desenvolvemento urbano sostible. O programa identifica e inventaría os recursos naturais urbanos e periurbanos, as súas potencialidades e as súas carencias e as melloras que deben completar. Apóstase polo deseño dunha estratexia de promoción dos parques urbanos como elementos turísticos que complementen a oferta cultural e patrimonial das nosas cidades e tamén por converter os parques en aulas da natureza para nenos e mozos a modo de unidades didácticas ao aire libre.

Santiago de Compostela conta con 36 parques urbanos concibidos como espazos públicos, como puntos de encontro que fomentan a cohesión e interacción social, os hábitos de vida saudables e a calidade de vida dos habitantes dos barrios urbanos onde se sitúan. A isto hai que sumar 43 polideportivos descubertos e 130 zonas de lecer.

Encontro co alcalde
Logo da rolda de prensa, os integrantes do proxecto Park Atlantic foron recibidos en Raxoi polo alcalde, Xerardo Conde Roa. Ademais de polos representantes composteláns, a delegación estaba integrada por Linda Newport, Ciara Farrel (Limerick-Irlanda); Pierre Alexandre Gouin, Jean-Pierre Bombaut (Pau-France); Fanny Maujean, Sandra Perray (Angers-Francia); Paula Peixoto Dourado, Silvia Costa, Francisca Magalhães e Manuela Marinho (ADRAVE- Portugal).

Direcciones relacionadas



Compartir: