CENTROS SOCIOCULTURAIS

O traslado do CSC da Almáciga ao edificio anexo ao CEIP Apóstolo Santiago permitirá un aforro de máis de 15.000 euros anuais

08/02/2012 O concelleiro de Participación Cidadá e Centros Socioculturais, Francisco Noya, e o de Barrios, Juan de la Fuente, visitaron o local que se destinará a Centro Sociocultural da Almáciga, no inmoble anexo ao CEIP Apóstolo Santiago. Acompañáronos membros da asociación de veciños do barrio.

Continuando coa política de austeridade e de empregar inmobles municipais en vez de alugados nos casos en que sexa posible, o concelleiro de Centros Socioculturais decidiu non renovar o aluguer dos dous locais que eran utilizados pola Asociación de Veciños da Almáciga para as diversas actividades, propias ou municipais. Estes contratos anuais vencen o 30 de abril.

Como xa sucedera no cambio do local de Guadalupe, contouse co beneplácito da asociación veciñal. De feito, a ocupación de parte da planta superior do anexo ao Apóstolo Santiago era xa unha reivindicación veciñal dende hai varios anos. Unha vez venzan os contratos de aluguer actuais, a Asociación e a actividade sociocultural do barrio mudarase ao novo local.

A non renovación destes alugueres suporá para o Concello un aforro de 1.276 euros mensuais, isto é, 15.314 euros cada ano.

Compartir: