CULTURA

Aberto o prazo para participar no Concurso de Carteis da IX edición de Curtocircuíto

08/02/2012 A concellería de Cultura convoca de novo un concurso para a realización do cartel da IX Edición do Festival Internacional de Curtametraxes Curtocircuíto. O concurso ten como fin estimular a creatividade dos artistas participantes e fomentar a difusión do certame cinematográfico que terá lugar en Santiago de Compostela, do 3 ao 11 de maio 2012. Todos os que queiran participar teñen ata as 14:00 horas do o 23 de marzo para enviar propostas. O gañador levará un premio de 500 euros.

Poderán participar persoas de calquera nacionalidade, individualmente ou en colectivo, podendo presentar un máximo de 2 deseños. O tema e a técnica serán de libre elección e as obras estarán confeccionadas en formato vertical, pensadas para reproducir en 35x50 cm debendo deixar un faldón en negro de 5 cm na parte inferior. Na obra deberán figurar o logotipo o do IX Curtocircuíto, que estará en formato descargable na web da Concellería de Cultura.

Admitiranse a este concurso soamente obras inéditas e o envío farase de forma dixital mandando o cartel adxunto nun correo electrónico a info@curtocircuito.org

O xurado que resolva o premio estará formado por tres persoas designadas polo Auditorio de Galicia. O premio pode quedar deserto si o xurado así o considera e a súa decisión será inapelable.

Compartir: