NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

Os concellos de Santiago, Ames, Rois e Teo poñen en marcha unha liga de debate entre os escolares de secundaria

08/02/2012 Os concellos de Santiago, Ames e Teo traballan na posta en marcha dunha liga de debate dirixida aos escolares de educación secundaria e que contará con fases local, comarcal e galega. Con este Club de Debate, que comezará a funcionar de xeito inmediato, trátase de incentivar entre os máis novos/as o emprego da lingua, traballar a fluidez comunicativa a través da oratoria, ademais de incitar o pensamento crítico e a tolerancia.

O Club de Debate é unha idea impulsada dende os Servizos de Normalización Lingüística dos Concellos na que participan outros municipios de fóra desta Comarca coma Betanzos, Ferrol, Carballo, As Pontes, Carral, Pontevedra, A Coruña, Oleiros e Vigo. De feito, esta iniciativa recolle a proposta das cidades de Pontevedra ou A Coruña, que levan tempo desenvolvendo proxectos similares.

Ames, Rois, Santiago e Teo incorpóranse mediante a sinatura dun protocolo de colaboración. Durante o mes de febreiro ábrese o prazo ata o 24 de febreiro para inscribirse nos SNL municipais. O Club de Debate está dirixido aos centros de educación secundaria, bacharelato e ciclos, con alumnado matriculado en 3º e 4º de ESO, 1º de Bacharelato ou nun curso equivalente de ciclos formativos, nunca maiores de 18 anos.

Fases local, comarcal e final
Na fase local, na que participan Ames, Rois, Santiago e Teo, cada equipo participante traballará sobre o tema "Deben os poderes públicos protexer e promover a diversidade lingüística?". Como en todos os debates, un equipo defenderá unha postura a favor e outra en contra, cuestión que non coñecerán ata o momento de debater e deben facelo en galego.

O Club do Debate desenvolverase entre os meses de febreiro e finais de abril, cando se celebrará a fase final na cidade de Pontevedra, a onde chegarán os mellores equipos de cada comarca. Ademais do propio concurso, os participantes recibirán un curso de formación sobre estratexias útiles no debate.

Este concurso, ademais de traballar no uso da lingua e nos valores do traballo en equipo e da diversidade, terá tamén un interesante premio para os mellores participantes. Na fase comarcal haberá un primeiro premio de 500 euros e un segundo de 300 euros, ademais de darlle acceso á fase final ao grupo gañador. Na fase final, o premio para os gañadores será unha viaxe de contido cultural para un máximo de 25 persoas valorado en 5.000 euros.

Compartir: