ALCALDÍA

O Concello e os promotores do centro comercial das Cancelas asinan un convenio para mellorar a mobilidade no entorno

08/02/2012 O alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa; o director xeral de Realia, Íñigo Aldaz; e o director xeral de Carrefour Property España, Justo Martín, asinaron o convenio entre o Concello e a entidade promotora As Cancelas Século XXI SL para a execución de melloras de tráfico rodado nas inmediacións do centro comercial das Cancelas. Tras o acto de sinatura, visitaron as obras do túnel a carón desta superficie.

Segundo explicou o alcalde, os promotores da superficie comercial comprométense a realizar diversas melloras paisaxística e do tráfico rodado no entorno, ademais do túnel que xa se está executando. Conde Roa destacou as melloras introducidas respecto ao proxecto inicial.

Así, ás actuacións nas interseccións da avenida de Rodríguez de Viguri co Camiño Francés e na da avenida de Xoán Paulo II coa rúa das Cancelas e a rúa de Dodro, súmanse outras actuacións complementarias. Citou entre estas un novo paso peonil sobre a lousa oeste do paso superior do túnel, dotándoo de sistemas semafóricos necesarios para a regulación del tráfico. Ademais, executaranse novas lousas, a modo de unión, entre as lousas do vieiro e peonís xa proxectadas. O alcalde salientou a mellora paisaxística e de seguridade para os peóns que supón, realizando novas zonas verdes e axardinadas sobre as mesmas.

Á vista da existencia de locais comerciais e núcleos de vivendas no entorno, tamén se introducirán novas zonas de carga e descarga, e novas prazas de estacionamento na zona sureste do túnel, con acceso dende o carril de servizo sureste da avenida do Camiño Francés, dirección San Lázaro. Ademais, nesta zona instalaranse colectores soterrados.

Outra mellora será a habilitación dunha zona para a descarga e transporte de pasaxeiros e dun segundo carril, no vieiro de servizo sur da avenida do Camiño Francés co cruce da rúa Monte dos Postes, eliminando a zona axardinada proxectada inicialmente.

Conde Roa agradeceu a "receptividade" das promotoras para asumir estas melloras, que permitirán "unha mellora no entorno, na accesibilidade e na circulación viaria". Cualificou o das Cancelas como un "centro extraordinariamente importante" no futuro da cidade e, neste sentido, insistiu na necesidade das actuacións no seu entorno para controlar os fluxos de tráfico da zona.

En contacto permanente cos veciños
O alcalde tamén se referiu ao contacto permanente que o Goberno municipal vén mantendo cos veciños da zona. Así, lembrou que xa o 17 de xullo, tan só dúas semanas despois da chegada do novo Goberno, se producira a primeira xuntanza cos veciños.

Nas diferentes reunións, nalgunhas das cales tamén participaron a empresa promotora e a xunta de compensación, asumíronse boa parte das peticións veciñais, incorporadas como melloras ao proxecto inicial. Ademais, iniciouse un protocolo de gretas para salvagardar os edificios lindeiros, comprometéndose a promotora a facerse cargo dos danos ocasionados. Xa en outubro, antes de iniciar a escavación, fíxose un informe pericial das gretas nos edificios, para que unha vez finalizada a obra se reparen as mesmas. O rexedor municipal aclarou que "non se utilizaron explosivos para a construción do túnel".

Este extremo foi tamén confirmado polo director xeral de Carrefour Property España, Justo Martín: "Nos vimos para quedarnos como propietarios e como veciños. É o noso interese que os nosos principais clientes, os veciños máis inmediatos, estean satisfeitos". Por iso, engadiu, "todo aquilo do que sexamos responsables será arranxado ao rematar a obra".

Conde Roa tamén lembrou que os departamentos de Tráfico, Infraestruturas e Urbanismo viñeron realizando controis sobre as actuacións, controlando a execución correcta da obra e solicitando melloras puntuais, como o asfaltado dun dos carrís ou a colocación de sinais. Ademais, malia ser inviable que o inicio do túnel estivera unha vez pasadas as vivendas, si se conseguiu que se trasladase uns metros, afirmou.

Apertura no outono
Xa falando do centro comercial, o director xeral de Realia, Íñigo Aldaz, indicou que este é un "proxecto emblemático" para a empresa. Anunciou que en menos de seis meses estarán acabadas as obras e a continuación os operadores terán uns meses para acondicionar os seus respectivos espazos, coa previsión de que o centro comercial poida abrir "a finais de outubro ou principios de novembro". A día de hoxe, dixo, o centro ten o 80% da súa superficie comercializada.

Documentos relacionados



Compartir: