TURISMO

Santiago participa en Bruxelas nun seminario sobre o mercado turístico ruso

07/02/2012 Turismo de Santiago asistiu en Bruxelas ao seminario Russia, Intelligent Tourism, organizado pola Cámara de Comercio Ruso-Británica e a European Tour Operators Association (ETOA), que dende 1989 representa a turoperadores, axentes de viaxe, cadeas hoteleiras, oficinas de turismo e outros provedores turísticos fronte as autoridades políticas do continente.

A sesión de traballo foi inaugurada no Radisson Blu Royal Hotel de Bruxelas polas conferencias do embaixador ruso ante a Unión Europea, Anwar Azimov, e do director xeral de Asuntos Internos da Comisión Europea, Stefano Manservisi, que se referiron ás oportunidades e retos do turismo entre Europa e Rusia.

Para Turismo de Santiago, a asistencia ao evento representa "unha oportunidade privilexiada para coñecer de primeira man os cambios que se aproximan nas relacións políticas e comerciais entre Rusia e a UE, toda vez que recentemente, nunha xuntanza entre ambas rexións, se tratou a posibilidade de suprimir o requisito bilateral do visado de entrada, moción pola que o primeiro ministro ruso Dmitry Medveded expresou un grande interese", sinalou a concelleira de Turismo, Reyes Leis.

A empresa compostelá de turismo participou en paneis de traballo nos que se expuxeron as opinións de expertos rusos sobre a súa propia industria e a súa capacidade crecente como mercado emisor, así como os resultados de estudos de investigadores e a posición de líderes de negocios da industria turística europea sobre a supresión dos obstáculos do negocio entre Rusia e Europa.

Compartir: