XUVENTUDE

Santiago acollerá un descenso en BMX polo casco histórico o 19 de maio

07/02/2012 O concelleiro de Xuventude, Adrián Varela, presentou a programación para a mocidade compostelá do primeiro semestre do ano. As principais novidades son un curso de primeiros auxilios, un campamento multiaventura en Portugal e un descenso en BMX polo casco histórico.

Esta proba celebrarase o sábado 19 de maio, enmarcada nun Festival de Cultura Urbana que á súa vez estará integrado no programa das festas da Ascensión. A proba sairá do Hospitaliño de San Roque e rematará na praza de Praterías. O concelleiro destacou o interese que este evento espertou e non descartou que poida ser retransmitida por televisión.

Ademais do descenso en BMX, o Festival contará con outras actividades, como skate na praza da Quintana, talleres e un concerto de hip hop do que aínda queda por determinar os protagonistas e a ubicación.

Seguindo coa programación cultural do primeiro semestre, Adrián Varela lembrou que xa están abertas dúas exposicións: a de 50 anos de fútbol galego en cromos no Centro Sociocultural das Fontiñas e a mostra de fotografía do 4º Certame MúsicaXove no Centro Sociocultural e Xuvenil do Ensanche. A quinta edición desta convocatoria –anunciou- celebrarase no segundo semestre do ano.

Campamento de aventura
Xa no eido das actividades de lecer e tempo libre, a principal novidade será a un campamento multiaventura na Ribeira de Pena, en Portugal. Ata 50 mozos poderán participar neste programa, que se desenvolverá en Semana Santa e que terá un prezo duns 40 euros. A previsión da Concellaría é organizar outro campamento semellante no segundo semestre.

Formación
Outro grupo de actividades serán as formativas, entre as que o concelleiro destacou unha serie de cursos sobre primeiros auxilios, dirixidos a escolares de secundaria. Realizaranse nos institutos e serán impartidos por especialistas en salvamento e socorrismo da Universidade da Coruña, con clases teóricas e prácticas tanto en seco como en auga.

Tamén se organizará un curso de monitor de ocio e tempo libre, de 200 horas, para 25 alumnos. Haberá un de iniciación ao cómic, outro de coaching laboral e un de fotografía urbana.

Compartir: