XUNTA DE GOBERNO

O Concello estuda unha modificación da ordenanza de venda ambulante

06/02/2012 A Xunta de Goberno Local aprobou na súa sesión ordinaria o listado definitivo de autorizacións de venda ambulante para o 2012. En relación a este tema, o Concello estuda unha modificación da ordenanza que regula este sistema de venda.

A voceira da Xunta de Goberno, Paula Prado, indicou que se está a preparar unha modificación da ordenanza de venda ambulante, co obxecto de "favorecer e mellorar as condicións de venda", especialmente no mercado dos xoves de Salgueiriños. Neste sentido, referiuse a posibles cambios en aspectos como a ampliación dos espazos para os postos ou a autorización da venda de produtos alimentarios.

En materia de Urbanismo, resolvéronse varios recursos de reposición en relación aos solos non programados 37.3 de Costa Vella e 38 de Formarís. En relación a estas cuestións, tamén se aprobou a aceptación da suspensión das encomendas de xestión feitas a EMUVISSA respecto a estes dous solos e ao SUNP-11 do Castiñeiriño.

Paula Prado recordou que no seu día se xiraran pagos por importe de máis de 11 millóns de euros por conceptos de expropiacións, planeamento e obras, pero que unicamente se ingresaran 172.708 euros. Agora vanse volver a xirar estas cotas, pero só por expropiacións e planeamento, xa que as obras nestes tres polígonos foron suspendidas temporalmente.

Benestar Social
Xa no eido de Benestar Social, aprobouse o programa de axudas sociais 2012, que se reparten do seguinte xeito:
- Axudas Emerxencia Migración, aloxamento e vivenda:7.000 €.
- Bolsa Comedor Escolar: 30.000 €.
- Gastos excepcionais: 30.000 €.
- Actividades escolares: 4.000 €.
- Vivenda e aloxamento: 58.000 €.
- Comedor escolar: 2.000 €.
- Manutención: 57.000 €.

No ámbito da mesma Concellería, pero neste caso na área de traballo, solicítanse á Xunta varias subvencións para accións formativas destinadas a persoas desempregadas, a impartir no Centro de Sanxúas de Aríns e no Cersia. Son cursos de especialidades demandadas polos empresarios de Santiago, tales como organización de proxectos de instalacións solares-térmicas, operacións de fontanería e calefacción-climatización, operacións auxiliares de montaxe de redes eléctricas, instalación de elementos de carpintería, montaxe e mantemento de redes de auga, xestión integrada de recursos humanos, asistencia á dirección, xestión contable e xestión administrativa para auditoría ou xestión de montaxe e mantemento de parques eólicos.

Tamén se solicita á Consellería de Traballo e Benestar unha subvención para o mantemento do salario dunha orientadora laboral, ata un máximo de 30.688 euros/ano. Paula Prado anunciou que a intención do Concello é a de contratar a maiores outra orientadora laboral.

Tráfico
O Goberno local adxudicou a instalación de catro semáforos centralizados nas interseccións da rúa República do Salvador coas rúas Doutor Teixeiro e Xeneral Pardiñas, por un importe de 35.958 euros. Segundo explicou a voceira da Xunta de Goberno, o obxectivo desta medida é "controlar os accesos peonís, que causan problemas na fluidez do tráfico nesta zona".

Parques e Xardíns
Outro dos asuntos tratados na sesión ordinaria foi a adquisición da especie de planta Sunpatiens á vista do bo resultado da mesma. O Departamento de Parques e Xardíns ten previsto plantar nesta tempada unha superficie de 100.000 metros cadrados, en cinco cores: branco, vermello, laranxa, rosa e violeta. Isto farase cun custo de 18.835 euros. Paula Prado explicou que estas plantas se mercan a 0,80 euros a unidade, para que medren nos viveiros municipais, xa que adquiridas en estado adulto custarían 3 euros cada planta.

XADE
A proposta da Alcaldía, a Xunta de Goberno acordou requirir ao adxudicatario de servizos deportivos UTE TRAP, SA-SIDECU S.L., hoxe ST RECREO OCIO Y ESPECTÁCULOS, S.L., e á sociedade Mixta creada XADE, S.L., os investimentos non levados a efecto. Estes concrétanse na execución dunha piscina no interior do Multiusos Fontes do Sar e dunha sala de servizo médico e de fisioterapia. Concédese un prazo de 15 días naturais para presentar os proxectos das devanditas obras ou alegar os motivos fundados que non permitiron facer as instalacións.

Comercio
En materia de Comercio, resolveuse o Concurso de Escaparatismo SCQ Shopping na súa edición de Nadal. Os premios consistirán no pago de campañas de comunicación en medios locais: O resultado quedou do seguinte xeito:

- 1º Premio, Charcutería Seco: 3.653,41 €.
- 2º Premio, Óptica Puentecastro: 2.892,95 €.
- 3º Premio, Como Pez en el Agua: 1.779,20 €.

Informática
O Goberno local aprobou igualmente a contratación do servizo de mantemento durante 2012 de varias aplicacións informáticas de xestión tributaria e recadatoria, padrón de habitantes e convocatorias electorais. O servizo adxudicouse por 33.692 euros.

Sanidade
Ademais, deuse o visto bo á prórroga do convenio entre o Concello de Santiago e a Fundación Refuxio de Animais, por importe de 161.500 euros. Mantense a cantidade achegada no anterior exercicio.

Compartir: