ALCALDÍA

O Concello presta a súa colaboración para mediar e minimizar o dano laboral aos traballadores de Newco en Lavacolla

06/02/2012 O alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, recibiu os representantes dos traballadores de Newco, empresa que prestaba o servizo de handling de Spanair no aeroporto de Lavacolla. Ante eles comprometeuse a facer todo o que estea na súa man para mediar e "minimizar do dano laboral" que a desaparición da compañía aérea lles poida ocasionar.

O representante dos traballadores de Newco, César Baleiras, agradeceu o apoio institucional e denunciou a situación "inxusta" que suporá o despedimento de 20 dos 23 traballadores da empresa en Lavacolla a partir do 8 de febreiro, en virtude dun acordo asinado polo sindicatos coa empresa que considerou un "fraude de lei". Ademais, incidiu en que "hai suficientemente carga de traballo" como para manter ou mesmo incrementar o número de traballadores. Conde Roa coincidiu na inxustiza desta situación, que provocará que unicamente quede un xefe de escala e dous traballadores de Newco no aeródromo compostelán.

Para o alcalde, esta redución minguará a operatividade do servizo de handling, recordando que Newco non só prestaba este servizo a Spanair, senón tamén a outras compañías como Air Lingus, que de novo operará en Compostela na temporada de verán. "Son xa insuficientes e máis que o serán", indicou Conde Roa, aludindo a esta ampliación da actividade internacional a partir de abril e a outras posibles conexións nas que se está a traballar.

Ao igual que sucedera coa terminal de mercadorías, na que finalmente Deltacargo se fixera cargo do servizo, o alcalde confía nunha solución a este tema. Por iso, manteranse contactos con AENA, sindicatos e demais implicados neste problema.

Preguntado pola afectación en Lavacolla da desaparición de Spanair, apuntou que esta compañía "tiña pouca actividade en Santiago, pero toda perda leva un prexuízo e non nos gusta que ningunha empresa abandone o aeroporto".

Documentos relacionados



Compartir: