MOBILIDADE

Listos os novos soportes informativos do servizo de transporte urbano

04/02/2012 O concelleiro de Tráfico e Mobilidade, Albino Vázquez, comprobou in situ o novo sistema de información do transporte urbano. O detalle de todas as liñas, planos e horarios xa pode ser consultado nas marquesiñas, nos autobuses, a través de manexables folletos pregables e tamén mediante o teléfono móbil.

Co obxectivo de mellorar a información ao usuario emprendeuse unha campaña informativa en catro eixes: marquesiñas, autobuses, contacto directo cos usuarios e redes sociais. Así, todas as marquesiñas levan xa novos paneis informativos cunha relación das liñas do transporte urbano e coa indicación a través dun mapa da situación da parada en cuestión e das liñas que pasan pola mesma.

Unha das principais novidades é que a cada liña se lle outorgou unha cor. En cada parada poden observarse na súa cristaleira os números e cores das liñas que pasan por esa parada. Ademais, cada parada ten un número. Nos autobuses colocáronse carteis informativos sobre os cambios nas liñas. Ademais, vanse colocar carteis adhesivos co itinerario da liña no interior de cada autobús.

Plano da rede de transporte urbano
O usuario pode facer uso a partir de agora dun cómodo folleto pregable no que, ademais da relación de liñas e horarios, figura un plano co debuxo de todas as liñas –cada unha coa súa cor- e coa sinalización de todas as paradas, o que facilitará, por exemplo, os transbordos, ao coñecer todas as liñas que pasan por determinado punto. No plano tamén figuran puntos de interese como monumentos, hospitais, estacionamentos... O folleto tamén inclúe un código QR, que permitirá obter os percorridos unha vez baixada a correspondente aplicación móbil.

Este labor informativo completarase con buzoneo naquelas partes da cidade afectadas polos principais cambios nas liñas. Finalmente, na busca dun contacto máis directo e inmediato cos usuarios, habilitáronse páxinas en Facebook e en Twitter. Alí, os usuarios poden facer as súas preguntas e deixar as súas queixas ou suxestións.

Cambios nas liñas
Todos estes sistemas de información recollen xa as novidades nas liñas que entrarán en vigor o luns 6 de febreiro. A primeira fase de reestruturación suporá a creación de tres novas liñas e a modificación doutras oito.

Compartir: