CULTURA

The Idan Raichel Project, Leilía e Pablo Milanés, próximos concertos de Sons 2012

03/02/2012 O ciclo Sons 2012 traerá a Compostela nos vindeiros días a The Idan Raichel Project, Leilía e Pablo Milanés, acompañado por Andrés Suárez como teloneiro. Sons 2012 inaugurouse o xoves 2 cun concerto dos portugueses The Gift, que non defraudaron ante un Teatro Principal repleto de seguidores. Os tres próximos concertos serán todos no Auditorio de Galicia ás 21:00 horas e as entradas poden mercarse en Novagaliciabanco, Servinova, as billeteiras do Teatro Principal e nas do Auditorio o propio día dos concertos.

O segundo concerto de Sons 2012 será The Idan Raichel Project o 11 de febreiro no Auditorio de Galicia, cun prezo de 12 € anticipada e 15 € o día do concerto. Será o único concerto en España desta fascinante formación de artistas capitaneada por Idan Raichel, israelí que cambia por completo a imaxe da música popular do seu país ofrecendo unha mensaxe de amor, paz e tolerancia. Idan Raichel é un tecladista, produtor e compositor de 29 anos procedente de Kfar Saba, Israel. Tanto no álbum como en escena, The Idan Raichel Project presenta a unha fascinante formación de artistas que inclúen a Cabra Casey, vocalista do proxecto, que é de descendencia etíope e naceu nun campo de refuxiados de Sudán durante a viaxe dos seus pais a Israel.

O 24 de febreiro chegan ao escenario do Auditorio de Galicia, Leilía co seu ConSentimento, un traballo donde as melodías tradicionais recollidas por Leilía se engalanan coas letras creadas por destacadas escritoras para a ocasión e tamén polos arranxos musicais feitos por Xoan Porto. Un disco, que sen deixar de soar a Leilía, ten corpo e gusto propio. Leilía, formada por Ana, Patri, Merchi, Montse, Felisa e Rosario, pretende que este traballo sexa unha homenaxe a todas as mulleres que fixeron e fan realidade a creación, a conservación e a transmisión da tradición oral galega. Un agradecemento personificado na figura de Eva Castiñeira, unha cantadora, unha pandereteira, unha muller como tantas e tantas mulleres que dende case o anonimato sementaron a nosa terra de arte, cultura e beleza. O prezo deste concerto é 10 € entrada única.

Xa en marzo, o día 24, será a cita con Pablo Milanés, que terá ao compostelán Andres Suárez como teloneiro. O prezo do concerto é de 28 € anticipada e 33 € o día do concerto. Milanés chega a Compostela coa súa xira Proposicións, nun formato no que el é guitarra e voz; Dagoberto González, teclados e violín; e Miguel Núñez, piano e dirección musical. O músico cubano regresa aos escenarios españois como xa é costume establecido nas súas xiras internacionais e o concerto de Santiago será o único en Galicia. Como novidade, Pablo traerá como preludio primaveral algunhas das composicións que na actualidade traballa para conformar un disco que verá a luz neste ano.

Milanés ten como teloneiro ao cantautor compostelán Andrés Suárez, que presenta o seu último traballo discográfico, Cuando vuelva la marea, o máis consolidado e firme da súa carreira. O disco sae coa discográfica Relocos Records coa intención de superar os 4000 discos vendidos do seu anterior traballo (sen promoción nin apoio discográfico) e de realizar unha xira nacional e internacional.

Direcciones relacionadas



Compartir: