TURISMO

O "Entroido da Ulla–Xenerais da Ulla" aspira a converterse en festa de interese turístico

03/02/2012 O Pazo de Raxoi acolleu o acto de sinatura do protocolo de colaboración para a promoción conxunta do Entroido da Ulla – Xenerais da Ulla, no que participaron os oito Concellos nos que esta celebración tradicional ten máis calado: Boqueixón, A Estrada, Santiago, Silleda, Teo, Touro, Vedra e Vila de Cruces. En Compostela, os Xenerais saen nas parroquias de Marrozos, Aríns e O Eixo.

Tras a sinatura, un grupo de Xenerais da Ulla fixo na Praza do Obradoiro unha representación dun típico "alto" ou "atranque", elemento central desta festividade, convidando a participar nos múltiples eventos que terán lugar durante o mes de febreiro nun total de vinte e sete lugares e parroquias dos oito concellos.

O alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, amosou a súa satisfacción por colaborar con esta iniciativa e indicou que é o inicio doutras colaboracións cos concellos veciños a establecer no futuro. Agradeceu a presenza dos representantes municipais dos outros sete concellos e convidou os cidadáns a participar e así dar continuidade a este evento.

Recordou que este Entroido dos Xenerais se celebra en tres parroquias compostelás. O sábado 11 de febreiro, o espectáculo terá lugar no campo da festa de Marrozos. O seguinte sábado, 18 de febreiro, vez para Aríns, tamén no campo da festa. E finalmente, a escenificación trasladarase o domingo 19 á carballeira do Souto-Santa Lucía, na parroquia do Eixo.

Dende mediados do século XIX
O Entroido da Ulla remonta as súa orixes a primeira metade do século XIX e baséase nos enfrontamentos bélicos que se viviron na comarca nese século: a invasión do exército napoleónico, a Revolución do 1846 ou as guerras carlistas. Así, os seus principais protagonistas son vistosas figuras que recrean estes momentos históricos.

Os personaxes máis importantes son os xenerais e correos a cabalo, que percorren as parroquias ao longo do día dando vivas a veciños e visitantes, acompañados dun "exército" de abandeirados, coros, comparsas e parrandas. Rematan escenificando un atranque ou alto, enfrontamento dialéctico por parellas, aproveitado para facer burla e sátira de asuntos locais, de política ou do corazón, acontecidos durante o ano.

O protocolo de colaboración ten coma obxectivo xenérico promover conxuntamente as diferentes celebracións do Entroido da Ulla que teñen lugar nos oito concellos. Un dos obxectivos concretos que se marcan é a consecución da Declaración de Festa de Interese Turístico, tanto de Galicia como de España.

Neste ano, coa colaboración das Deputacións de A Coruña e Pontevedra, desenvolveuse por primeira vez unha páxina web, www.xeneraisdaulla.com, na que se poderá consultar a información máis interesante sobre a festividade, así como os diferentes eventos que terán lugar nos diferentes lugares e parroquias. Editáronse tamén un cartel e un folleto promocionais.

Compartir: