DEPORTES

Á venta as entradas para o partido internacional entre as seleccións femininas de fútbol de España e Austria

02/02/2012 O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, presentou o cartel do partido internacional entre as seleccións femininas de fútbol de España e Austria, que se disputará o mércores 15 de febreiro, ás 20:45 horas, no Estadio de San Lázaro, e avanzou algunhas das actividades programadas vinculadas co evento. O edil estivo acompañado pola concelleira de Familia, Benestar Social, Muller e Emprego, Paula Prado; o seleccionador nacional de Fútbol Feminino, Ignacio Querenda; e a internacional española Verónica Boquete.

Adrián Varela animou a todos os composteláns a asistir a este partido, que en palabras de Verónica Boquete, será "festa do fútbol feminino". Tamén nestes termos se pronunciou o seleccionador nacional, quen recoñeceu a importancia da futbolista para converte Santiago nun "referente" do fútbol feminino español. Pola súa parte, Paula Prado destacou que eventos como este pretenden contribuír a "fomentar a incorporación feminina ao deporte".

O partido internacional entre seleccións está organizado pola Federación Galega de Fútbol e conta coa colaboración do Concello de Santiago. A compostelá Verónica Boquete, actual dianteira do Tyresö FF da Damallsvenskan de Suecia e internacional coa Selección Española, xogará nesta ocasión ante a afección da súa cidade. Para a celebración do partido habilitaranse inicialmente as zonas de tribuna e preferencia, polo que o estadio disporá dun aforo para a ocasión de máis de 4.000 persoas.

Localidades á venta
As localidades están á venda dende este xoves 2 de febreiro, en horario de 10:00 a 14:00 horas, nas oficinas do Departamento de Deportes do Concello de Santiago, na porta 1 do Estadio Municipal de San Lázaro (tlfno. 981 528 730), e dende o luns 13 de febreiro tamén se poderán adquirir na billeteira do recinto en horario de 17:00 a 21:00 horas.

A entrada para tribuna ten un prezo de 7 € e a de preferencia de 5 €. Os menores de 14 anos poderán acceder de balde previa retirada da súa invitación a través da Federación Galega de Fútbol e, principalmente, dos clubs de fútbol da cidade, ata completar o cupo dispoñible. Calquera consulta en relación ás localidades debe tramitarse na Delegación en Santiago da Federación Galega de Fútbol, na porta 7 do Estadio de San Lázaro (tlfno. 981 581 755).

Outros eventos
Ata a data do evento celebraranse varios actos relacionados coa cita deportiva. Xa na tarde deste xoves, ás 18:00 horas, o salón de actos da Facultade de Filosofía da USC será escenario dun foro sobre "O fútbol de alto rendemento na actualidade", no que intervirán o concelleiro de Deportes; o seleccionador nacional de Fútbol Feminino; Verónica Boquete; o adestrador Fernando Vázquez; o xogador do R.C. Deportivo da Coruña, Diego Seoane; e ex xogadores como Javier Bellido. A mesa redonda, moderada polo xornalista deportivo Antonio Bermúdez, está organizada polo Concello de Santiago, a Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Formación Continua e o Servizo de Deportes da USC, e a Fundación USC Deportiva.

O venres 3, ás 11:00 horas, Adrián Varela e Verónica Boquete achegaranse ata o Colexio La Salle para charlar e compartir un momento distendido cos máis pequenos. Pola tarde estarán a partir das 20:30 horas no Estadio de San Lázaro para asistir ao adestramento dos equipos femininos da S.D. Villestro e a S.D. Compostela.

Compartir: