CULTURA

Oito concertos no Teatro Principal e na Zona "C" configuran o novo ciclo Íntimo&Acústico

02/02/2012 O concelleiro de Cultura, Ángel Currás, e o director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, presentaron un novo ciclo da concellería de Cultura, Íntimo&Acústico. Son oito concertos que, tal e como indica o nome do ciclo, responden a formatos máis íntimos e serán no Teatro Principal e na Zona "C". O ciclo inaugurase o 16 de febreiro con Aline Frazao e terá o seu broche de ouro o 7 de xuño con Coque Malla. Entremedias, estarán Simon Finn, Rebeca Jiménez, Cardigan Bridge, Jane Joyd, Patricia Moon, Daniel Higgs, Maika Makovski+Gentle Music Men, Abe Rábade Trío e Sumrrá,

O 16 de febreiro, Aline Frazao, angolana residente en Compostela, preséntanos no Teatro Principal o seu novo disco, Clave Bantú. Aline pertence á nova xeración de músicos angolanos que combinan a música de raíz africana con influencias que oscilan entre o Jazz e a Música Popular brasileira. Xa en marzo, o 18, poderemos escoitar no Principal o folk psicodélico do inglés Simon Finn, ao que acompañarán en directo Joolie Wood (violín) e Maja Elliott (piano).

O 21 de marzo, tamén no Principal, celébrase un concerto especial que, baixo o nome Palabra de Muller, dá cabida a propostas que abarcan desde a canción de autor ao pop máis refinado. Así, poderemos escoitar a Rebeca Jiménez, Cardigan Bridge, Jane Joyd e Patricia Moon. O luns 26 de marzo é a cita con Daniel Higgs, no único concerto que será na Zona "C" e no que estará acompañado polo multi-instrumentista Marc Clos á percusión.

En abril, o día 20, Maika Makovski fai a presentación en Galicia do seu novo disco, Desaparecer, acompañada por Gentle Music Men, que tamén presenta o seu último traballo Soño infinito. Xa en maio poderemos gozar da presentación do novo disco de Abe Rábade Trío. Será o día 23, tamén no Teatro Principal. E o 29, Sumrrá, referente fundamental do jazz galego, celebra o seu 12 aniversario cun concerto neste ciclo.

O peche de ouro do ciclo será un concerto de Coque Malla o 7 de xuño no Teatro Principal, Nel, o artista madrileño preséntanos o seu último traballo, Termonuclear, un disco onde Malla puxo as súas propias historias a disposición das súas cancións.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: