PLENO

O Pleno municipal aproba a modificación do cadro de persoal de 2011

02/02/2012 O Pleno aprobou definitivamente nunha sesión extraordinaria, cos votos favorables do grupo do Goberno e o negativo dos dous grupos da oposición, a modificación do cadro de persoal de 2011, unha vez estudadas e rexeitadas as alegacións presentadas.

A concelleira de Persoal, Amelia González, explicou que a modificación do cadro de persoal tiña os informes favorables respectivos. Neste sentido, indicou que a creación de tres postos de habilitados estatais de apoio -tesoureiro, interventor e secretario- non está suxeita á negociación colectiva nin á taxa de reposición de efectivos.

Na súa intervención de peche, o alcalde, Xerardo Conde Roa, recordou que ata agora o Concello dispoñía no seu cadro de persoal de seis prazas de habilitados estatais: tres interventoras, un secretario do Pleno, un secretario da Xunta de Goberno e un tesoureiro. Ademais, denunciou o ingreso neste cadro por sentenzas xudiciais de ata 20 traballadores nos últimos anos e o abundante número de interinos. Os gastos de todos estes supoñen uns dous millóns de gasto anual.

A outra modificación do cadro de persoal tiña que ver coa regularización das direccións de área de Facenda e de Mobilidade. Esta última queda establecida como un cargo directivo, e non como persoal funcionario, tal como se reflectía ata agora. As direccións de área son figuras reservadas para os municipios acollidos á Lei de Grandes Cidades.

A concelleira de Persoal lembrou tamén que o custo das novas prazas vai ser inferior ao aforro que se producirá en toda a lexislatura pola redución de asesores e dedicacións exclusivas xa decretada. Así, as cinco prazas de asesores e tres de dedicacións exclusivas minoradas, sumadas a praza de director da área de Mobilidade modificada, suporán un aforro estimado en toda a lexislatura de preto de dous millóns de euros, segundo indicou.

Compartir: