CULTURA

The Gift inaugura o ciclo Sons 2012

01/02/2012 O ciclo Sons 2012 inaugurase o xoves 2 de febreiro no Teatro Principal co único concerto en Galicia da xira Primavera e Explode: mil cores posibles, dos The Gift. Os portugueses chegan a Compostela dentro desta xira cun concerto no que presentan as novas cancións gravadas no Centro Cultural de Belém e as máis recentes dos seu último disco, Explode. O seguinte concerto do ciclo será o 11 de febreiro no Auditorio de Galicia, con The Idan Raichel Project.

The Gift naceu en 1994 formado por Nuno Gonçalves (teclados); Sonia Tavares (voz); John Gonçalves (baixo e teclados); e Miguel Ribeiro (baixo e guitarra). Eles mesmos, en palabras de Nuno Gonçalves nos explican o espectáculo que presentan: "O espectáculo está dividido en dúas partes. Na primeira poderemos escoitar cancións inspiradas na primavera, escritas no verán, gravadas en outono e escoitadas en pleno inverno... Era isto. Cancións simples, inspiradas en melodías que a man dereita insistía en tocar ao piano. A man esquerda axustaba o banco ou collía o vaso de auga fría que axudaba a combater a calor de fóra, ou acariciaba á filla que aínda bebé inspiraba á man dereita. Esquerda, Dereita. Harmonía. Melodía... Cousas simples que ditas dunha forma aínda máis simple se poidan traducir de varios xeitos. Cada un ten a súa Primavera. Un sitio onde se descobren segredos, ínfimas historias de cada un de nós. Primavera é un himno ao noso. Só e unicamente noso, cousas nosas, súas. Cancións que sempre recorreron as miñas dúas mans. Dereita, Esquerda. 14 mans. Sete persoas, sete historias, sete personalidades artísticas. Primavera é unión.

Gonçalves continúa: "Voces. Unha soa voz. Tranquila, murmurada, relaxada, naturalmente emotiva. Primavera é cantada ao oído. No escenario Primavera e Explode son mil cores posibles, a historia é a nosa. Podo con todo adiantar que despois deste show será tamén vosa".

"Na segunda parte revisítase o último gran disco de The Gift. Explosión de cores, baile, festa intensidade. Explode é un disco sobre a vida feito para toda a vida. Agora que abrimos as portas do noso novo disco, cremos que debemos explicar o seu auténtico significado. Unha explosión de cores, de luz, de vida, de nova vida. Representa o disco que sempre soñamos facer. Producido por Ken Nelson, que asinou a gran parte dos discos de Coldplay, é a obra onde xuntamos todo o que aprendemos, todo o que lemos, vimos, oímos. En conclusión, comezamos de novo. Desde o comezo. Como se despois de 17 do primeiro ensaio sentíramos a mesma enerxía, a mesma forza, a mesma confianza ou motivación. Gravamos a emoción coma se fose o primeiro disco. Gravamos a emoción coma se fora o último disco", conclúe.

Máis Sons 2012
O segundo concerto de Sons 2012 será The Idan Raichel Project, o 11 de febreiro, no Auditorio de Galicia. Será o único concerto en España desta fascinante formación de artistas capitaneada por Idan Raichel, israelí que cambia por completo a imaxe da música popular do seu país ofrecendo unha mensaxe de amor, paz e tolerancia.

Compartir: