ALCALDÍA

O Concello aposta por converter a nave 5 do Mercado de Abastos nun escaparate da gastronomía compostelá e galega

01/02/2012 Celebrouse en Raxoi unha reunión da comisión de seguimento das obras da Praza de Abastos, presidida polo alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa. Ademais dos representantes municipais, participou persoal do Ministerio de Fomento e da Xunta de Galicia.

A reunión serviu para analizar a evolución das obras da Praza de Abastos, que avanzan a "bo ritmo", dixo Conde Roa. Destacou que xa están retelladas todas as naves e que as obras se están realizando con "especial coidado", para compatibilizalas coa vida diaria do Mercado.

Segundo indicou o alcalde, tratáronse cuestións como a unificación dos postos do Mercado ou o futuro da nave número 5. O Concello aposta por un destino como "escaparate" gastronómico para esta nave, que sirva para a "promoción da gastronomía compostelá e galega" e que lle outorgue un "valor engadido" á Praza, apuntou Conde Roa. "A nosa idea é que sexa dun moi bo nivel gastronómico e que sirva para dar a coñecer os produtos galegos", engadiu.

O rexedor municipal tamén anunciou a súa intención de iniciar canto antes as catas necesarias para acometer os estudos previos cara a construción dun estacionamento na Praza de Abastos. Así, analizarase o deseño e situación deste futuro aparcadoiro, que "podería estar en paralelo á rúa Virxe da Cerca ou bordeando a antiga Facultade de Dereito", explicou.

Compartir: