TRÁFICO

Listo o dispositivo habitual para combater as xeadas previstas para os próximos días

01/02/2012 Ante a previsión de baixas temperaturas do xoves ao domingo, motivadas por unha ola de frío polar, o Concello ten listo o dispositivo para facer fronte ás xeadas que se puideran producir durante a noite. Unha brigada municipal seguirá a botar sal nas zonas máis altas da cidade e naquelas rúas onde sexa necesario de ser intensas as xeadas.

O concelleiro de Mobilidade, Seguridade Cidadá e Tráfico, Albino Vázquez, explicou que o dispositivo para combater as baixas temperaturas está xa funcionando dende hai dous meses, con tres niveis de alerta. No primeiro, xa posto en marcha en anteriores xeadas, unha brigada municipal bota sal pola noite nas rúas das zonas altas da cidade, como o Polígono do Tambre ou a avenida de Lugo.

Ata o momento non foi necesario pasar deste primeiro nivel, indicou. De ser necesario activar o nivel dous, botaríase sal xa en rúas céntricas da cidade e efectivos de Protección Civil desprazaríanse ata as zonas máis afectadas polas xeadas para botar sal e previr esvaróns dos peóns. O nivel 3 é o previsto para as nevadas.

O concelleiro destacou os "bos resultados" deste dispositivo en anteriores xeadas, evitando a formación de xeo na calzada. Non obstante, recomendou aos condutores precaución, porque "sempre se poden formar placas de xeo" en zonas puntuais.

Compartir: