TURISMO

A publicación "Santiago. Mmm... que rico!" axuda os máis pequenos a descubrir a cidade a través da súa gastronomía

01/02/2012 A concelleira de Economía, Comercio, Turismo e Mercados, Reyes Leis, presentou Santiago. Mmm... que rico!, unha nova publicación de Turismo de Santiago pensada para que os máis pequenos descubran a cidade a través da gastronomía. Participarán nun xogo-guía co que aprenderán ao mesmo tempo que pasan un bo rato xogando polas rúas da cidade. A concelleira estivo acompañada da xerente de Turismo de Santiago, Maruxa Ledo.

Santiago. Mmm... que rico! concíbese como un xogo no que os pequenos teñen que ir percorrendo a cidade, seguindo ás personaxes dun conto, Sara, Mimia e o cabalo Branco de Cores, que lles irán formulando diferentes probas e preguntas, ata un total de 50. A publicación adquírese na Oficina de Información de Turismo de Santiago, situada na rúa do Vilar, onde comeza o xogo, que remata no Mercado de Abastos.

Entre a rúa do Vilar e o Mercado de Abastos, os pequenos van pasando por puntos destacados da cidade seguindo sinais da gastronomía galega, como a praza de Praterías, a praza do Obradoiro, a Catedral, o Pazo de Xelmírez, a rúa do Franco, a praza do Toural, o arco de Mazarelos... Este material foi revisado antes da súa publicación por profesorado do CEIP Lamas de Abade, co fin de garantir a súa calidade educativa.

Santiago. Mmm... que rico! ten por obxecto potenciar o turismo familiar na cidade. O xogo-guía pode adquirirse en tres idiomas: galego, castelán e inglés. A súa publicación acompáñase de seis novas postais, coas imaxes dos protagonistas do xogo e dirixidas tamén aos máis pequenos. Estas postais poden adquirirse tamén na Oficina de Información de Turismo de Santiago.

Aproveitando a presentación, a Concellería de Educación organizou xunto con Turismo de Santiago un percorrido pola cidade seguindo as probas do xogo-guía. Participaron 22 rapaces de nove e dez anos, alumnos de 4º curso de primaria do Colexio San Paio. Os rapaces percorreron diferentes rúas e prazas da cidade histórica, ata chegar ao Mercado de Abastos, onde foron recibidos pola súa xerente, Marta Rey.

Documentos relacionados



Compartir: