URBANISMO

Bota a andar o rexistro en Urbanismo

01/02/2012 Comezou a funcionar o rexistro auxiliar de Urbanismo, creado para mellorar a tramitación de expedientes urbanísticos e reducir os prazos dos mesmos.

Dous auxiliares e un técnico do propio Departamento de Urbanismo atenden o rexistro e asesoran directamente ao interesado no momento de presentar a documentación. Deste xeito mellórase a información e atención aos cidadáns, xa que os funcionarios poderán solucionar as dúbidas que se lles presenten, dende a liquidación da correspondente taxa ata cales son os documentos necesarios.

Este rexistro auxiliar quere paliar situacións coma os retrasos de expedientes dende o rexistro da solicitude en Galeras ata a apertura do expediente ou a unión a un expediente existente da documentación presentada. O rexistro permitirá presentar escritos e comunicacións que se tramitan na Concellería de Urbanismo e axilizará así a xestión dos correspondentes expedientes.

Obras menores, maiores e actividades
Con este novo servizo búscase que as licenzas de obras menores se concedan nun prazo aproximado de tres días, sempre que non requiran informes sectoriais a maiores e que a solicitude estea correcta no momento da presentación. No caso das obras maiores, este rexistro permitirá reducir os prazos de apertura de expediente, os prazos de requirimento de documentación complementaria, os prazos de unión aos expedientes, axilizar a información facilitada aos solicitantes sobre esta documentación, etc. Con este fin, habilitouse un apartado nos impresos co obxectivo de permitir a comunicación voluntaria mediante correo electrónico, sen prexuízo das comunicacións polos medios ordinarios con acuse de recibo. Se o solicitante o desexa pode recoller as licenzas outorgadas no mesmo rexistro.

No caso das comunicacións e declaracións responsables de actividades, que permiten o exercicio da actividade dende o momento da súa presentación no rexistro, acurtaranse os prazos de supervisión polos técnicos do departamento.

Ubicación e horario
Este rexistro auxiliar está ubicado na segunda planta do Pazo de Raxoi, á entrada do Departamento de Urbanismo, e funciona en horario de 9:00 a 14:00 horas de luns a venres. Os días 24 e 31 de decembro e os sábados, hábiles a efectos de cómputo de prazos, non funcionará, pero estará aberto o rexistro xeral situado en Galeras.

Compartir: