ALCALDÍA

Conde Roa: "Queremos estación do AVE, pero non nestas condicións"

16/11/2011 O alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, reiterou en rolda de prensa que "seguimos coa nosa postura" en relación á estación do AVE. "Queremos estación do AVE, pero non nestas condicións", indicou, recordando unha vez máis o asinado no convenio do 3 de novembro de 2009 entre Concello, Xunta e Ministerio de Fomento, así como os incumprimentos de determinados puntos dese acordo.

Segundo Conde Roa, "se non paramos esta operación, van a pagalo as xeracións futuras". "ADIF non está pagando a estación do AVE e íase a pagar con aproveitamentos urbanísticos comerciais e residencias", insistiu.

Neste punto, remitiuse ao convenio para apuntar que "incluso o Concello cedía a ADIF os seus terreos no ámbito da estación; e o 10% do aproveitamento que lle correspondía tamén o cedía". Ademais, asegurou que algúns dos puntos dese convenio non se tiñan cumprido, como o de ter modificado o PXOM para incluír as determinacións do mesmo ou o de ter elaborado o Plan Especial.

Depuradora
Preguntado polos xornalistas respecto á depuradora da Silvouta, recordou o acordo chegado co Ministerio de Medio Ambiente, AquaNorte e Xunta de Galicia para o cambio de ubicación. Neste sentido, indicou que "en poucos meses xestionamos un cambio de ubicación que durante oito anos se nos dixo que non era posible".

Explicou que o acordo logrado vai nun dobre sentido: por un lado, o cambio de lugar e, por outro, o do traslado do expediente administrativo á Xunta de Galicia, para así "tramitalo con máis celeridade e encaixar os prazos". Nas reunións abordouse a posibilidade de que a sexa a Xunta a que xestione a liberación de fondos, procedentes da Unión Europea (agás o 15% que achega a propia Xunta), e non o Ministerio.

"Cremos que é un acordo extraordinariamente positivo", manifestou o alcalde, valorando que se tratará dun "lugar mellor" e que "afectará a menos persoas". Reiterou que, coa programación prevista, poderán realizarse en prazo as obras, que estarían en marcha en 2013. Finalmente, recordou que esta é unha actuación "absolutamente prioritaria", tendo en conta que na actualidade se verten sen depurar no río Sar un 30% das augas.

Documentos relacionados



Compartir: