CONSORCIO

A exposición "Domus Iacobi" amosa as claves da historia e da arte da Catedral

08/04/2011 Con motivo do inicio dos actos promovidos dende o Consorcio de Santiago para o oitavo centenario da Catedral de Santiago, o sábado 9 inaugurarase a exposición Domus Iacobi. A historia da Catedral de Santiago. Un día antes da apertura, realizouse unha visita para os medios de comunicación ao Colexio de Fonseca, onde se instalou a mostra.

O alcalde compostelán e presidente do Consorcio, Xosé A. Sánchez Bugallo, visitou cos medios a mostra. Tamén participaron o deán da Catedral, José Maria Díaz; o xerente do Consorcio, Xosé Manuel Villanueva; o coengo presidente da Comisión de Cultura e Arte da Catedral, Daniel Lorenzo; e o director do Museo da Catedral e comisario da exposición, Ramón Yzquierdo.

Ata xullo, o Pazo de Fonseca acollerá a exposición Domus Iacobi. A historia da Catedral de Santiago, que repasará a historia da basílica xacobea, custodia do sepulcro do Apóstolo Santiago e meta de peregrinación. Unha viaxe a través do tempo para comprender mellor as claves da historia e a arte da Catedral a través de varias das pezas máis singulares do seu patrimonio, algunhas presentes por vez primeira fóra das súas localizacións habituais e outras, procedentes de coleccións particulares, que voltan por uns meses a Compostela sumándose á celebración dos 800 anos da consagración.

Entre outras poderase admirar o rosetón da primitiva fachada románica da Catedral, esculturas descoñecidas pertencentes ao taller do Mestre Mateo, pezas de imaxinería e ourivaría ou dúas esculturas románicas pertencentes aos herdeiros do xeneral Franco logo de que o Concello de Santiago llas regalase nos anos 60.

A exposición desenvólvese en nove ámbitos nos que, seguindo unha orde cronolóxica, abórdanse os principais fitos na historia da Catedral. O momento da consagración, o 21 de abril de 1211, convértese en punto de inflexión e ocupa un lugar protagonista no percorrido da exposición.

Compartir: