ALCALDÍA

O alcalde convoca os composteláns a dar o seu abrazo agarimoso á Catedral

08/04/2011 Na xornada previa ao abrazo á Catedral, o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, quixo convocar a todos os composteláns a participar neste acto, que se celebrará o sábado 9 a partir das 13:00 horas.

Sánchez Bugallo indicou que xa hai anotadas máis de 1.800 persoas para participar neste masivo abrazo, co que se abren os actos de celebración do 800 aniversario da consagración da Catedral. "Cantos máis sexamos máis forte será a demostración de cariño e agradecemento", apuntou.

Sobre a incoación do expediente disciplinario á directora da UMAD, o alcalde recalcou que "se tomaron todas as medidas en orde a evitar calquera actuación irregular e a aclarar calquera que se puidera ter producido". Estas medidas, tomadas tras a recepción do informe reservado elaborado pola Secretaría Xeral do Concello, ao igual que as cautelares previas, "tomáronse no menor tempo posible, actuando cunha dilixencia e eficacia absoluta", engadiu.

Tras indicar que no informe se manifesta que "a concelleira de Benestar Social non tiña ningún elemento para coñecer o que tivera acontecido". Recordou que o posto de directora da UMAD "non é un cargo político nin de libre designación" e que será o expediente incoado o que determinará as posibles responsabilidades e sancións "de acordo ao regulamento dos funcionarios e á Lei de procedemento administrativo, pois o contrario podería motivar a nulidade das actuacións".

En calquera caso, Sánchez Bugallo subliñou que a súa principal preocupación é " protexer ao equipo de profesionais da UMAD, que desenvolve un excelente labor, e aos usuarios, que son os máis necesitados dese labor".

Finalmente, o rexedor municipal aproveitou a rolda de prensa para desexar a Manuel Fraga unha "rápida e completa recuperación", tras a operación de cadeira á que foi sometido. "Independentemente de diferenzas políticas, Manuel Fraga é unha persoa querida e respectada na cidade", dixo.

Compartir: