ALCALDÍA

Compostela, cidade de baloncesto

08/04/2011 O proxecto Cidades Adecco chega a Santiago de Compostela co obxectivo de levar o baloncesto a todos e cada un dos recunchos da cidade. Con tal fin, o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o director corporativo da Federación Española de Baloncesto, Alfonso Seoane, asinaron un convenio de colaboración para fomentar a práctica do baloncesto.

O alcalde recordou a tradición de Compostela como cidade implicada na práctica e no seguimento do baloncesto. Así, recordou os afeccionados que enchen Sar en cada partido do Obradoiro. Precisamente, o partido entre o equipo compostelán e o Club Lleida pechará a primeira xornada de actividades do proxecto.

A firma Adecco e a Federación Española de Baloncesto brindarán ao público asistente ao Fontes do Sar a posibilidade de rememorar o mellor baloncesto de décadas pasadas cun partido entre Veteranos Galegos e as Lendas Solidarias da Selección Española de Baloncesto. Será a partir de las 17:00 horas do venres cando o público congregado no Multiusos poida disfrutar do talento dunha serie de xogadores que marcaron época e entre os que se atopan Juan Antonio Corbalán, Vicente Ramos, Vicente Paniagua, Manuel Aller, Mike Hansen, Miguel Juane, José Luis "Indio" Díaz, Santi Abad ou Tomás Jofresa. Galicia non quixo ser menos e recibirá ás Lendas cun equipo de luxo formado por doce dos seus ex xogadores máis representativos. E a continuación, ás 21:00 horas, o partido da LEB Ouro entre o Obradoiro e o Lleida.

Nesta mesma xornada, o Hotel Monumento San Francisco foi o escenario dunha conferencia ante empresarios impartida polo ex seleccionador español Lolo Saínz. O seu título: Creación dun equipo de alto rendemento.

Para a xornada do sábado 9 de abril está previsto un clínic no Multiúsos de Sar de 11:00 a 12:30 horas. Ademais, de 10:00 a 14:00 horas, a Praza de Europa do Centro Comercial Área Central acollerá un circuíto de baloncesto e un torneo de 3x3.

Compartir: