TURISMO

Turismo de Santiago presenta a súa aplicación para dispositivos móbiles

07/04/2011 O concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, presentou no Pazo de Raxoi a aplicación para dispositivos móbiles da web de Turismo de Santiago, na que se ofrece unha guía interactiva dos recursos turísticos da cidade.

Segundo Iglesias, tras o desenvolvemento da nova web de Turismo de Santiago no ano 2010, baseada nos usos das redes sociais, esta aplicación é un paso máis na aposta pola integración das novas posibilidades de comunicación no servizo de información turística que presta a empresa municipal de promoción turística.

A aplicación de Turismo de Santiago, feita pola empresa de Compostela Sináptika, presenta un innovador sistema de localización xeográfica e realidade aumentada, co cal os turistas e visitantes poden desprazarse pola cidade tendo información de monumentos, igrexas, puntos de interese, pero tamén de hoteis, restaurantes, cafeterías ou servizos básicos. A ferramenta está dispoñible nos sete idiomas nos que está tamén a web de Turismo de Santiago: galego, castelán, inglés, francés, alemán, italiano e portugués.

A aplicación, que pode descargarse en Apple Store, nace sendo compatible para iPhone, iPod touch, e iPad, as terminais principais para este tipo de aplicacións, pero desenvolveranse compatibilidades para outras sistemas en función de cómo evolucione o mercado deste tipo de dispositivos, que cambia a grandes velocidades. A aplicación está dispoñible dende hai unha semana, simplemente a xeito de proba. Neste momento xa se rexistraron máis de 200 descargas da mesma, sinal de que comeza a haber unha demanda real deste tipo de ferramentas entre as persoas que visitan Santiago.

Na aplicación está dispoñible toda a información que hai na web de Turismo de Santiago. Están incluídos todos os monumentos da cidade, museos, parques e xardíns, arquitectura de autor, galerías de arte, salas de exposición, miradoiros. Tamén todos os hoteis, pensións, restaurantes ou cafeterías, así como servizos básicos para os turistas. Todas estes puntos aparecen xeolocalizados na aplicación, polo que o visitante pode establecer a súa propia ruta na cidade, tendo sempre información dispoñible do recurso que queira coñecer.

Xosé Manuel Iglesias destacou a importancia da páxina web de Turismo de Santiago como un referente consolidado de información sobre a cidade, tanto para os visitantes coma para os propios composteláns, baseándose nos datos de visitas que tivo a web no ano 2010. Iglesias apuntou que, segundo os datos de Google Analytics, en 2010 www.santiagoturismo.com tivo un total de 640.836 usuarios de máis de cen países distintos, que fixeron 861.539 visitas e sumaron un total de 4.778.754 de páxinas vistas.

Compartir: