NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

Normalización Lingüística presenta o xogo "Atopando Compostela" aos centros de ensino e entrégalles exemplares do mesmo

05/04/2011 A Casa das Asociacións acolleu unha charla de presentación ao ensino secundario do xogo educativo Atopando Compostela, impulsado pola Concellería de Normalización Lingüística. Cada centro de ensino recibiu dous exemplares do xogo.

O profesor Gonzalo Navaza, un dos autores do xogo, ofreceu unha breve charla baixo o título Aproximación á importancia da toponimia. A toponimia compostelá. Foi unha boa oportunidade para coñecer a materia grazas á que se realizou o xogo educativo Atopando Compostela. A continuación, os alumnos dos centros escolares (catro por cada un) probaron o xogo.

A concelleira de Normalización Lingüística, Guadalupe Rodríguez, convidou a todos os centros de secundaria da cidade a participar nesta xornada de presentación de Atopando Compostela, un xogo concibido para que os rapaces e rapazas se familiaricen cos nomes propios dos lugares do concello no que viven. "A toponimia, isto é, o estudo dos nomes de lugar, é unha parte vital do noso acervo cultural, e por iso é importante impulsar os traballos dedicados á súa conservación, divulgación e investigación", apuntou a edil.

"Cremos que a recuperación da onomástica tradicional é unha parte importante do proceso e normalización lingüística. Por iso, o papel dos profesionais de ensino secundario pode ser moi relevante neste eido, xa que son figuras idóneas para impulsar traballos entre o alumnado dunha maneira lúdica e con garantías pedagóxicas", indicou a concelleira. Na súa opinión, este xogo "posibilitará que os rapaces e rapazas se fagan conscientes do papel da toponimia e da onomástica persoal na nosa cultura, e por outra banda, redundará na elaboración de traballos útiles que axuden a preservar a nosa riqueza cultural".

Un paseo polo territorio e os seus nomes
Atopando Compostela é un xogo sobre a toponimia do Concello de Santiago, recomendado para maiores de 12 anos. No mesmo, os e as participantes veranse inmersos/as nunha andaina, lúdica e educativa, grazas á que se achegarán ao territorio e aos nomes dos seus lugares.

Movéndose por un taboleiro no que se representa a rosa dos ventos, formúlanse preguntas dalgunha das seis temáticas tratadas: medio, animais, plantas, xente, outros e probas. Por cada resposta atinada polos grupos xogadores, recibirán unha peza dun quebracabezas co mapa do Concello. O grupo que primeiro consiga todas as pezas e as encaixe acertadamente, será o que acade o obxectivo do xogo.

Atopando Compostela ofrece unha segunda modalidade, onde participan como mínimo dúas persoas, sen taboleiro e sen crebacabezas. Consiste en ir atinando preguntas, continuando ata errar na resposta, gañando o que máis acerte. Ademais, hai dispoñible unha unidade didáctica no enderezo web do Departamento de Lingua Galega, destinada principalmente ao profesorado de educación secundaria.

Promovido pola Concellaría de Normalización Lingüística, o xogo foi creado pola empresa Etnoga Patrimonio Cultural, contando coa colaboración de catro especialistas da Asociación Galega de Onomástica: Xosé Ramón L. Boullón, Xulia Marqués, Luz Méndez e Gonzalo Navaza.

Compartir: