URBANISMO

O proxecto SUITE péchase en Bruxelas co compromiso de poñer en práctica as recomendacións do estudio de vivenda social

16/03/2011 Mercedes Rosón aproveitou a viaxe a Bruxelas para reunirse co vicepresidente do Parlamento Europeo, Miguel Ángel Martínez, que lle comunicou os avances no proxecto do futuro Museo de Europa, onde se dedicará un espazo aos Camiños de Santiago.

Na xornada final do proxecto SUITE, que se desenvolveu no edificio da Representación Española en Bruxelas, a concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, foi a encargada de abrir a sesión de conclusións deste programa de vivenda social liderado por Santiago. Na súa intervención, Rosón recordoulles aos seus socios de proxecto que "a rede SUITE ofrece a posibilidade de avanzar de forma pragmática nas formas de afrontar a crise de produción de vivenda social nas cidades, porque as reflexións e proxectos xerados nestes tres anos de traballo contribúen a reforzar a cohesión e a inclusión social e supoñen o inicio dunha forte aposta polos subministros sostibles en materia de vivenda".

O encontro continuou coa presentación dos nove plans de accións local de cada unha das cidades. A exposición do plan de Santiago, presentado polo arquitecto de Emuvissa, Diego Briega, suscitou moitas preguntas entre os asistentes, interesados na xestión da bolsa de solo público no noso concello.

A xornada, organizada en colaboración coa Oficina Europea de Vivenda (CECODHAS) e o Intergrupo urbano do Parlamento Europeo, pechouse cunha posta en común das conclusións finais, onde os expertos europeos destacaron a necesidade de conectar as políticas sociais de vivenda coas políticas de cohesión e inclusión social, e o papel relevante das cidades neste planeamento. Neste sentido, animaron as cidades socias do SUITE a xuntar esforzos para implementar estes plans co obxectivo de facelos confluír coas políticas de cohesión da Estratexia de Lisboa 2020. No peche da sesión, a concelleira Mercedes Rosón manifestou o ofrecemento de Santiago para liderar unha posible terceira fase do proxecto na que se porían en práctica a través de proxectos pilotos as conclusións e recomendacións acordadas.

O proxecto SUITE deu comezo en 2008 e nel participan as cidades francesas de Nantes e Rennes, a alemá de Hamburgo, as británicas Medway e Newcastle, a polaca Cracovia, a capital de Estonia, Tallinn, e a rumana Iasi.

Encontro co vicepresidente do Parlamento Europeo
A concelleira de Urbanismo aproveitou a viaxe para reuniuse tamén co vicepresidente do Parlamento Europeo, Miguel Ángel Martínez, que precisamente viña de participar nunha comisión de orzamentos na que se aprobou unha partida de 2,5 millóns de euros que irán destinados a costear o proxecto que permitirá crear o futuro Museo de Europa. Miguel Ángel Martínez explicoulle a Rosón os pormenores do proxecto do futuro museo, que se denominará Casa da Historia Europea, e comprometeu a presenza dos Camiños de Santiago como eixes históricos vertebradores da idea moderna de Europa. "Os camiños e a cidade de Santiago de Compostela –dixo- terán un espacio propio neste proxecto, que vai amosar todo aquilo que representa na historia común o percorrido cara a unidade europea, que estamos construíndo".

A Casa da Historia Europea estará ubicada nun edificio modernista, situado a uns 50 metros do edifico actual do Parlamento Europeo, "coa finalidade de recoller aos miles de visitantes que cada ano se achegan ás institucións comunitarias", indicou. Tamén anunciou que se inaugurará no ano 2014, coincidindo co centenario da Primeira Guerra Mundial. Será unha exposición provista das máis modernas técnicas audiovisuais, que poderá ser vista e seguida nos 23 idiomas oficiais do Parlamento Europeo.

Na actualidade xa está convocado o concurso para a adecuación do edificio, existe un padroado fundacional e un comité científico que traballa nos contidos. Miguel Ángel Martínez salientou a alta participación de arquitectos españois no concurso do proxecto.

Compartir: