BENESTAR SOCIAL

O fútbol, instrumento para a dinamización e a integración social de diversos colectivos

16/03/2011 A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Mar Martín, presentou en rolda de prensa o proxecto de dinamización e integración social dende a práctica deportiva Fútbol Social, no que colabora o Xacobeo Lobelle e o Funeraria Apóstol. Esta iniciativa sérvese do fútbol como instrumento para a dinamización e cohesión social de diversos colectivos sociais.

Segundo explicou Mar Martín, o proxecto Fútbol Social naceu en outubro de 2009 impulsado pola Unidade Municipal de Atención a Drogodependentes (UMAD) e ARELAR Xestión Socioeducativa, despois de analizar as posibilidades do fútbol instrumento para a dinamización e a cohesión social de diversos colectivos sociais. A diversidade de colectivos e persoas participantes neste proxecto, convérteo nun espazo enriquecedor e integrador, e amosa o verdadeiro potencial do fútbol como instrumento de cohesión social.

Esta iniciativa pretende crear un espazo de relación social arredor do fútbol, favorecer a práctica deportiva e facilitar un ocio estruturado dos usuarios da UMAD en interacción con outros colectivos. Así, o fútbol funciona neste caso como eixe motivador para promover a participación activa en actividades que acheguen beneficios dende a perspectiva social e da saúde.

Así o explicou o educador social Ramón Molina, quen falou da aposta polo fútbol como "ferramenta educativa e de dinamización social". Tamén se referiu á configuración de equipos heteroxéneos, "minimizando deste xeito a rivalidade", e ao pícnic que se organiza tras cada partido, que actúa igualmente como espazo de socialización. Da heteroxeneidade, pero neste caso dos participantes, e dos termos de igualdade na que se participa no programa falou Irene Abelenda, voluntaria da USC que colabora nesta iniciativa.

Actividades socializadoras
O proxecto inclúe diversos elementos como, loxicamente, os propios partidos de fútbol, que xogan equipos rotatorios, facilitando a participación de todos. Tamén se realiza un pícnic tras o partido, reincidindo no elemento socializador.

Ademais, elabórase un boletín semanal, coa implicación igualmente dos participantes, e outras actividades de dinamización e motivadoras, como partidos co equipo feminino do Funeraria Apóstolo ou con visitas aos adestramentos do Xacobeo Lobelle ou asistencia aos seus partidos oficiais. A actividade complétase coa entrega de diplomas e un acto lúdico de peche.

Durante este ano 2010-2011, o proxecto está a piques de rematar na súa primeira fase. Están a participar usuarios da UMAD, adolescentes en prevención, voluntarios da USC, usuarios de Vieiros e os participantes no programa Educación de Rúa. En total, suman 32 persoas.

Compartir: