IGUALDADE

O curso "A saúde a través da arte" promove a creatividade con fins terapéuticos

16/03/2011 Avalado polo éxito das anteriores edicións, destinadas a outros colectivos de mulleres, a Concellería de Igualdade, a través do Centro de Información á Muller (CIM), organiza unha nova edición do curso A saúde a través da arte. Vinte mulleres, preferentemente coidadoras de persoas con dependencia, participarán esta vez neste curso, que se impartirá na Casa das Asociacións de Benestar Social (rúa Manuel María, 6).

A concelleira de Igualdade, Mar Martín, presentou este curso, que aposta pola experiencia de vivir procesos internos, sentimentos e emocións, achegando ás participantes a través de diferentes técnicas plásticas, ao redescubrimento das súas propias capacidades e habilidades, desenvolvendo a autoestima nun espazo de diálogo e encontro a través de procesos creativos en grupo.

Segundo recordou, o curso está especialmente dirixido a "mulleres que deben facerse cargo de persoas con enfermidades crónicas, o cal supón un cambio radical nas súas vidas". Por iso, o curso está a captar prioritariamente as súas posibles alumnas nas asociacións sociais do ámbito sanitario.

Técnicas plásticas e creativas en positivo
O ensaio de distintas técnicas plásticas e creativas contribuirá, en definitiva, a potenciar o estado de saúde e benestar das mulleres. "Trátase de crear un espazo no que se manifeste a capacidade de poder expresar o que levamos dentro", indicou Ismael Rodríguez, un dos encargados de impartir o curso. Indicou que se "traballan unicamente as partes sas", utilizando o debuxo, a pintura ou o modelado, se ben as técnicas en concreto dependerán do perfil final das alumnas participantes.

O curso constará dun total de oito sesións, cunha sesión semanal de dúas horas. A primeira celebrarase o 6 de abril e a última o 25 de maio. As sesións terán lugar os mércores, de 19:30 a 21:30 horas. Ismael Rodríguez Fraga e Elena Rosacruz Jiménez, ambos diplomados en Arteterapia Hauschka inmpartirán o curso.

As mulleres coidadoras de persoas con dependencia que desexen participar poderán facelo chamando ao teléfono da Concellaría de Benestar Social e Igualdade (981 542 465) dende o día 15 ao 31 de marzo de 2011.

Compartir: