CULTURA

SCQ Danza acolle o primeiro traballo da compañía de Nuria Sotelo

15/03/2011 O ciclo SCQ Danza, que organiza a concellaría de Cultura, ten unha nova cita no calendario o xoves 17 de marzo. Nesta ocasión, ademais, trátase do primeiro traballo dunha compañía galega: a Compañía Nuria Sotelo, que presenta o seu traballo, Métanse nos seus asuntos. É o terceiro dos sete espectáculos que a Concellaría ofrece este semestre dentro do programa SCQ Danza, dedicado á danza contemporánea.

Nuria Sotelo alíase con Ana Vallés en 2010 para crear o seu espectáculo debut coa súa propia compañía, Métanse nos seus asuntos, despois de traballar como bailarina para o Centro Coreográfico Galego, Experimentadanza, Caleac Teatro, Femme Fatale, Teatro Resoante e Elefante Elegante. Métanse nos seus asuntos é un só de danza que se move entre a evocación de lugares comúns e a exposición da privacidade, plantexando a implicación ou desentendimento do que mira ou asiste a un acto público, e cuestionando a nosa pasividade ante os acontecementos alleos.

"O fío condutor é a transformación dunha muller, dunha presenza, da enerxía, da mirada do que observa. O camaleonismo dunha persoa segundo se trata, segundo se mira, segundo se amosa, segundo se lembra. A escena é unha ferramenta de comunicación e o obxectivo é conectar. É eficaz o que facemos? Con poucos recursos interésanos mostrar o aparentemente sinxelo aínda que todo teña unha dobre lectura", din as protagonistas.

Sete espectáculos de danza contemporánea
SCQ danza leva achegado a Compostela figuras internacionais consolidadas da danza e as propostas coreográficas máis anovadoras que procuran fomentar o gusto pola arte en movemento dos composteláns, ademais de promocionar e dar pulo ás compañías coreográficas do noso país. A compañía Mopa inaugurou esta edición do ciclo o 18 de febreiro. O 29 de abril será o momento de Traspediante, que presenta Habelas, unha peza escénica multidisciplinar, con música en directo, proxeccións audiovisuais e maxia. Maio será o mes de Slovaks Dance Collective, unha das poucas compañías profesionalizadas de Eslovaquia, que conta con seis membros da mesma familia. Chegan a Compostela grazas a un acordo entre diferentes programadores españois e traen dous espectáculos no peto: Within (Dentro, o 4 de maio) e Journey Home (Viaxe a casa, o 5 de maio). A última representación da temporada correrá a cargo de Experimentadanza coa peza Inoxidable, unha metáfora que compara as relacións humanas cunha materia orgánica.

Compartir: