ALCALDÍA

Celébrase en Bruxelas a xornada final do proxecto europeo de vivenda social SUITE liderado por Santiago de Compostela

15/03/2011 O encontro terá lugar ao longo de toda a xornada do mércores 16 de abril no edificio da Representación Española en Bruxelas. A concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, será a encargada de abrir e presidir a sesión de traballo, en representación da cidade de Santiago, que vén actuando como xefe de fila dende o comezo do proxecto.

Esta xornada final, organizada en colaboración coa Oficina Europea de Vivenda (CECODHAS) e o Intergrupo Urbano do Parlamento Europeo, ten como obxectivo avaliar o traballo desenvolvido e expoñer as conclusións finais do estudio co obxectivo de coñecer as necesidades de vivenda das novas familias. Nesta época onde a vivenda é un factor clave para a superación da crise económica e financeira mundial, os resultados do proxecto SUITE, enmarcado dentro do Programa Europeo URBACT II, establecen un marco que permitiría ás cidades socias optimizar de cara ao futuro unha oferta sostible e asequible de vivenda e asegurar a cohesión social a través das políticas de inclusión coñecidas como "mix social".

O proxecto SUITE deu comezo en 2008 e nel participan as cidades francesas de Nantes e Rennes, a alemá de Hamburgo, as británicas Medway e Newcastle, a polaca Cracovia, a capital de Estonia, Tallinn, e a rumana Iasi. No encontro estarán presentes ademais as expertas Heidrun Feigelfeld e Darinka Czischke, que acompañan e asesoran ao proxecto; a coordinadora do grupo, a experta noruega Anita Leirvik, e os membros do Grupo de Apoio Local de Santiago, integrado por profesionais de distintos sectores da cidade. Polo Departamento de Urbanismo do Concello de Santiago, ademais da concelleira, participarán a xerente da área, Berta Rosón. Do Departamento de Benestar Social do Concello participará a xefa da área Teresa Furelos. En representación de EMUVISSA asistirán a xerente, María Carneiro; e o arquitecto, Diego Briega.

O encontro comezará coa presentación dos nove plans de accións local de cada unha das cidades; e continuará coas conclusións finais e recomendacións de boas prácticas dos tres grupos que veñen desenvolvendo o seu traballo nos eidos económico, ambiental e social. A xornada finalizará cun panel de peche onde expertos europeos destacarán a importancia de conectar as políticas sociais de vivenda coas políticas de cohesión e inclusión social, e o papel relevante das cidades neste planeamento.

Compartir: