CULTURA

Titzina Teatro presenta "Exitus" no Principal

25/02/2011 O domingo 27 de febreiro chega a Compostela Titzina Teatro dentro da programación de teatro da Concellaría de Cultura e Centros Socioculturais e enmarcada na Rede Galega de Teatros e Auditorios. Titzina Teatro, compañía catalana, presenta Exitus, unha historia na que múltiples personaxes e escenas se suceden de forma dinámica, poética e cun estilo traxicómico da man dos creadores Diego Lorca e Pako Merino. Titzina Teatro estará con dúas funcións, domingo e luns, ás 21:00 horas, no Teatro Principal.

En Exitus, un funerario, un home na busca de emprego, un directivo dun laboratorio farmacéutico e un avogado, entremesturan as súas vidas sen que eles mesmos sexan conscientes do destino común que os une. Catro persoas que se enfrontan á morte desde puntos de vista tan diversos como o dunha profesión, unha traxedia ou un acto irreversible da vida.

Titzina Teatro
A compañía Titzina fúndase en agosto do 2001 por Pako Merino e Diego Lorca, dous actores e produtores formados na Ecole Internacional de Theatre Jacques Lecoq. No 2003 estrean a súa ópera prima Folie a deux/Sueños de psiquiátrico. Con este espectáculo, a compañía realiza unha xira por toda España, ademais de Francia e Portugal, que dura ata novembro do 2005. Durante este tempo o espectáculo gaña sete premios nacionais, preséntase en case todas as feiras e festivais teatrais de España, e remata a xira con 300 funcións ás súas costas.

No 2005 estrean o seu segundo espectáculo: Entrañas. Esta obra de creación, dirixida por Stefan Metz, realiza unha xira por España, Portugal, EE UU e Francia durante os anos 2006, 2007 e 2008. Este segundo espectáculo, que consolida á compañía como un referente teatral en todo o Estado, ten previsto rematar o seu percorrido polos teatros españois con 160 actuacións aproximadamente e cunha lista de críticas que na súa gran maioría falan xa dun "selo Titzina" á hora de crear. O 30 de xaneiro de 2009 Titzina estrea a súa terceira creación: Exitus, escrita, dirixida e interpretada por Diego Lorca e Pako Merino, e que agora chega a Compostela.

As entradas, a 7 euros, poden mercarse na billeteira virtual de Caixa Galicia ou na propia billeteira do Teatro Principal os días que hai función en horario de 12:30 a 14:00 e de 18:00 a 21:00 horas.

Compartir: