EDUCACIÓN

A FEGAMP e o grupo Concellos e Educación de Galicia convocan unha xornada de traballo para o 24 de marzo

25/02/2011 A concelleira de Educación, Mercedes Rosón, participou en Ferrol nunha nova reunión do grupo Concellos e Educación, integrado polos responsables educativos de Vigo, Santiago de Compostela, A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Ferrol. Nesta quinta xuntanza acordouse o programa dunha xornada de traballo que se celebrará o 24 de marzo.

Concelleiros e técnicos responsables desta área falaron das xestións realizadas para solicitar unha entrevista co conselleiro de Educación, sen obter aínda resposta. Esta xuntanza foi solicitada tamén a través de mocións en cada un dos Plenos dos sete concellos.

A continuación aprobouse o programa da I Xornada Técnica, arredor das catro comisións sectoriais de traballo: Rede Educativa Municipal de Educación Infantil 0-3; Escolas Municipais de Música; Obrigas Municipais e Plan de modernización dos equipamentos escolares de Galicia; e Programa de apertura de centros fóra do horario lectivo. Esta primeira xornada, aberta a concelleiros e técnicos dos concellos de Galicia, contará coa participación de expertos para tratar experiencias relevantes que poidan orientar as políticas municipais en educación nos ámbitos mencionados.

Para a súa realización cóntase co apoio do presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP). O xoves 3 de marzo terá lugar a presentación, en rolda de prensa, do programa desta Xornada, a cargo dos concelleiros e concelleiras e do propio presidente da FEGAMP.

Na reunión acordouse tamén convocar as 4 comisións sectoriais do Grupo a unha nova sesión de traballo, o mesmo 3 de marzo, na sede da FEGAMP.

Programa de apertura dos centros fóra do horario lectivo
Finalmente, abordouse o Programa de apertura de centros escolares fóra do horario lectivo. Manifestouse o desacordo dos concellos presentes coa forma e contido da convocatoria de subvencións que para esta finalidade anunciou a Consellería de Educación, ao entender que non respecta os programas que no ámbito da conciliación da vida familiar, persoal e laboral veñen desenvolvendo os Concellos nos últimos vinte anos cun grande investimento en recursos humanos e materiais.

Neste senso, os Concellos das grandes cidades de Galicia manifestaron o seu desexo de alcanzar acordos estables de colaboración coa Consellería para a organización e financiamento de actividades e programas extraescolares, así como para a utilización dos centros educativos públicos fóra do horario lectivo, pero cunha convocatoria que poida ser asumida e que responda a unha tramitación e requisitos asumibles polos concellos.

Para rematar, os representantes municipais reafirmaron o seu compromiso coa defensa da calidade do ensino público e reavivaron a súa convicción de que "a colaboración e coordinación entre as administracións públicas é indispensables para garantir a calidade e plena igualdade na prestación dos servizo público de educación".

Compartir: