MEDIO AMBIENTE

O barrio das Fontiñas conta xa cun renovado parque infantil con elementos inovadores e máis de 500 metros cadrados

25/02/2011 As Fontiñas dispón xa dunha renovada zona de lecer infantil que fará as delicias dos máis cativos da zona. Así o puido comprobar a concelleira do Medio Ambiente, Elvira Cienfuegos, que acompañou ao alumnado do CEIP das Fontiñas na reestrea do maior dos tres parques infantís abertos cos que conta o barrio. Coa edil estiveron tamén varias docentes do centro, os responsables da empresa HPC, e o xefe de servizo de Parques e Xardíns, Xosé Antonio Mosquera.

"Hoxe toca desfrutar da renovación do parque infantil máis grande das Fontiñas, o situado entre as rúas de Berna e Lisboa, moi próximo á Area Central, un parque que, con máis de 15 anos de antigüidade, foi e con certeza continuará ser, un dos máis usados da cidade", explicou a concelleira. "Colocouse un chan novo, incorporándose unha superficie amortecedora que se recubriu posteriormente con céspede artificial, e engadíronse novos elementos de última xeración", indicou.

No total é unha superficie de 500 metros cadraos que, "grazas ao equipamento utilizado, conta cunha maior capacidade de acollida de nenos e nenas, duplicando o número de posibles usuarios simultaneos". "Ao igual que moitos outros dos parques da cidade, conta con dúas áreas de xogo, diferenciadas pola idade dos cativos e cativas, unha delas para menores de 6 anos e outra para crianzas de 6 a 12 anos", apuntou Cienfuegos.

Elementos innovadores para As Fontiñas
A concelleira do Medio Ambiente quixo indicar tamén como neste parque "podemos encontrar elementos que tamén existen noutros, como a tirolina, as randeeiras, tipo cesta, planas ou tipo berce, e outros diferentes", destacando neste caso "a grande estrutura de rede con tobogán curvo, que achega un toque característico", aínda que "non faltan os tan apreciados elementos xiratorios, os resortes ou o balancín". En definitiva, indicou, trátase "dunha renovación integral para complementar a rede de parques da cidade, con novas formas e elementos de última xeración. Son parques para os propios barrios, mais tamén para quen se achega a outras zonas da cidade diferente da súa de residencia. Cada parque ten os seus elementos diferentes e con grande atractivo, o que pode motivar ser usuarios de varios deles e non sempre do mesmo".

Os parques infantís son concibidos como espazos para a convivencia e para o desenvolvemento da autonomía de nenos e nenas. O presentado é o máis grande das Fontiñas, un barrio que conta con outros dous parques situados nas confluencias das rúas París-Estocolmo e Roma-Varsovia. Ademais, a Concellaría do Medio Ambiente instalou un novo circuíto biosaudable no Parque Carlomagno (no miradoiro) e está a acometer as obras de restauración das árbores e remodelación de varias beirarrúas no barrio.

Compartir: