PLENO

A Corporación municipal demanda á Xunta de Galicia a inmediata licitación dos centros de saúde de Galeras e Conxo

24/02/2011 O Pleno da Corporación aprobou unha proposición na que se demanda á Xunta a licitación dos centros de saúde do Casco Histórico e de Conxo. Tamén se ratificou un compromiso de realoxo dos afectados polas expropiacións do Grupo Quiroga Palacios, coñecido como Banco do Pobre, e outro con motivo da celebración do Día Internacional da Muller.

A proposta, presentada polo grupo municipal socialista e aprobada cos votos favorables de PSdeG-PSOE e BNG, insta á Consellería de Sanidade a "iniciar o procedemento de licitación de forma inmediata do centro de saúde do Casco Histórico. E dado o tempo transcorrido, solicitamos a inclusión na licitación da construción do Centro de saúde de Conxo".

No documento explícase que "dende xullo de 2009, a Xunta dispón da parcela para o centro de saúde do Casco Histórico (Galeras). Está autorizada a cesión e aprobado o proxecto e, non obstante, aínda non se iniciou a construción, cando o 30 de xullo de 2010 a Conselleira de Sanidade comunicara á Alcaldía a través dunha carta persoal que a ía a licitar inmediatamente. A día de hoxe, segue sen licitarse a obra".

Respecto ao centro de saúde de Conxo, explícase que "o Concello puxo a disposición da Xunta unha parcela no SUNP-6 de Santa Marta sen ningún problema urbanístico que esta desestimou, optando por outra no SUP-4 de Conxo. Esta parcela precisaba unha ampliación de uso, o cal supuxo unha demora no procedemento de cesión.

Con todo, recórdase que "o 22de abril de 2010, a Consellería prestou a súa conformidade a que o Concello cedera a parcela situada no SUP-4 de Conxo, recoñecendo que sería necesaria a redacción dun estudo de detalle". Foi o 16 de setembro de 2010 cando, a requirimento da Alcaldía, "a Consellería de Sanidade presenta ao Concello o estudo de detalle". Este documento foi aprobado definitivamente pólo Concello o 13 de decembro de 2010 e foi a Pleno en xaneiro. O martes 15 de febreiro, a Xunta de Goberno aprobou a cesión da parcela.

Compromiso de realoxo dos afectados do Banco do Pobre
A proposta de PSdeG-PSOE e BNG, o Pleno tamén aprobou o compromiso do Concello para realoxar os afectados pola expropiación prevista das parcelas 4 e 8 do ámbito do SUNP-22 (Banco do Pobre). Así, asúmese que "o caso de ser o Concello o órgano expropiatorio, éste facilitaralles o realoxo, no momento no que se produza a expropiación das súas vivendas". Cómpre lembrar que para este fin o Concello xa ten prevista unha reserva en Volta do Castro

Este compromiso xorde, segundo indica a proposición, "á vista da preocupación que os residentes no Banco do Pobre nos manifestaron reiteradamente, coñecedores de que as súas vivendas serán expropiadas sen que a normativa de aplicación lles garanta o realoxo nos termos de substitución no lugar máis próximo posible a súa residencia actual". O Goberno municipal comprométese a buscar esa cercanía.

Día Internacional da Muller
A terceira das proposicións municipais, aprobada cos votos favorables do PSdeG e coa abstención do BNG, foi a relativa ao Día Internacional da Muller, que se celebrará o 8 de marzo. Neste sentido, acordouse "impulsar o Pacto Local pola Conciliación do Concello de Santiago de Compostela" e "aplicar medidas de acción positivas que favorezan un comportamento corresponsable".

Ademais de "impulsar redes de comunicación, coordinación e difusión das medidas de conciliación", adóptase o compromiso de "repensar os horarios, apostando pola flexibilidade nos servizos públicos, a harmonización dos tempos escolares e a racionalización dos horarios comerciais para que sexan compatibles coa conciliación da vida profesional e persoal de mulleres e homes". Outra das medidas será "continuar na loita contra a feminización da pobreza, axeitando a resposta e os recursos ás diferentes necesidades dos colectivos de mulleres en situación ou risco de exclusión e estimulando o acceso aos recursos educativos, sociais e económicos". O último punto da proposta solicita "a retirada do anteproxecto da Lei de Familia".

Distincións á Policía Local e acto de recoñecemento
A Corporación aprobou por unanimidade a proposta da Alcaldía de distincións no ano 2011 a membros da Policía Local, que se entregarán o sábado 5 de marzo con motivo da celebración do patrón deste corpo. Ese día celebrarase tamén un acto de recoñecemento ao labor realizado pola Policía Local durante o Ano Santo.

Recibirán nesta ocasión a Medalla do Corpo Juan José Lemos Nieto, inspector que ingresou no corpo en 1973, ascendendo a oficial en 1986 e á categoría que ten na actualidade tres anos máis tarde; e Juan Manuel Vilaseco Barros, oficial que ingresou en 1979 logrando o ascenso en 1990. Ambos xubílanse neste mes de febreiro. A título póstumo entregaráselle a distinción a José Isidro Bermúdez Agra e a Jesús Millán Castro, que viñan desempeñando o seu labor como policías locais desde 1984 e 1990, respectivamente.

En canto ao acto de recoñecemento, dende a Alcaldía e a Concellería de Seguridade Cidadá e Circulación Viaria considérase que o Ano Santo 2010 "puxo a proba a eficacia de tódolos servizos municipais, pero de maneira especial supuxo un reto para a nosa Policía Local. A planificación e desenvolvemento dos servizos para afrontar os grandes eventos programados, a profesionalidade e implicación dos seus membros, e o alto nivel de eficiencia nos resultados obtidos, fan que a Policía Local de Santiago fose motivo de orgullo para esta Concellería".

A proposta aprobada polo Pleno recalca que "así mesmo, a visita da súa Santidade o Papa Bieito XVI, o día 6 de novembro do ano 2010, implicou a planificación e execución do dispositivo de seguridade máis amplo na historia de nosa cidade. A Policía Local de Santiago, en estreita colaboración co resto de forzas e corpos de seguridade, membros da organización e resto de servizos implicados, contribuíu á proxección internacional da imaxe de capacidade organizativa que se deu da nosa cidade e do noso país, contribuíndo á dignificación e recoñecemento público da Policía Local".

A maiores, fíxose extensivo este recoñecemento ao Servizo de Extinción de Incendios e a Protección Civil.

Urbanismo
En materia de urbanismo, aprobouse provisionalmente cos votos do grupo de Goberno a modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) relativa ao incremento da densidade dos solos urbanizables non delimitados tipo A. O texto será remitido á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para a súa aprobación definitiva.

A finalidade desta medida é adaptar o tamaño das vivendas resultantes ante a esixencia derivada da modificación operada coa Lei 6/2008, consistente en incrementar a reserva de vivenda protexida do 2Oo/o ao 40o/o da edificabilidade residencial que resulte do planeamento. O interese público desta modificación radica en facilitar a implantación de vivendas protexidas ao aproximar, a través do aumento da densidade, a superficie media das vivendas resultantes, tanto ás superficies máximas que son obxecto de protección como, no caso das vivendas libres, ás demandas actuais do mercado.

Ademais, aprobouse o estudo de detalle nas parcelas A1, A2, A3, A4, A5, A6 e A7 do SUNP-20 da Amañecida. O obxecto deste documento é reaxustar as liñas de edificación unicamente no referente a recuar as mesmas dentro das respectivas parcelas, sen afectar aos parámetros de ocupación, volume edificable e superficie dedicada a uso público. Co recuamento proposto -2,5 metros dende a aliñación-, xérase un espazo libre privado, de transición entre a vía pública e a vivenda, o que se considera axeitado á ordenación do contorno.

Mocións
No capítulo de mocións, aprobouse, cos voto favorables de BNG e coa abstención do PSdeG, unha do grupo nacionalista instando ao Goberno do Estado a "dar marcha atrás á subida da luz e gas decretada", de xeito que "en ningún caso o seu prezo se incremente por riba do IPC".

Tamén se solicita "modificar a actual Lei eléctrica, de modo que se clarifique o custo real da xeración de enerxía", e "modificar o Decreto do carbón, de xeito que non prexudique ás centrais galegas das Pontes e Cerceda". Finalmente, ínstase ao Goberno da Xunta a "modificar a lei de augas, de modo que, de ningunha maneira, supoña un incremento da carga impositiva na situación actual de crise".

Outra moción do BNG, aprobada tamén co voto favorable dos nacionalistas e a abstención do PSdeG, "rexeita frontalmente as pretensións do Goberno do Estado de privatizar e bancarizar Novacaixagalicia". Tamén se solicita ao Goberno español "a retirada do denominado Plan de reforzamento do sector financeiro no que atinxe ás caixas de aforros". Á Xunta reclámaselle que "defenda as competencias estatutarias de Galicia, actuando decididamente para evitar que o proceso de reestruturación das caixas de aforro galegas leve aparellada a entrada de capital privado nos seus órganos de decisión e transformación nun banco privado. O cuarto punto é o "compromiso inequívoco en manter o vixente modelo de caixas de aforro, con vocación social e vinculación territorial, e demandar dos gobernos central e galego que eviten calquera tentativa para que as caixas de aforros sexan alleadas a favor da banca privada e do capital financeiro".

A terceira das mocións presentouna o grupo municipal socialista e saíu adiante cos votos favorables destes e do BNG. Na mesma, a Corporación solicita "a modificación da actual convocatoria de subvencións de apertura de centros públicos fóra do horario lectivo nos concellos de Galicia (Orde de 17 de marzo de 201 0).

Ademais, pídese unha entrevista coa Consellería de Educación para comunicarlle as alegacións do grupo de traballo "Concellos e Educación" en relación a esta Orde.

Compartir: