CENTROS SOCIOCULTURAIS

"A memoria da xente" converte en protagonistas as pequenas historias anónimas de Compostela

24/02/2011 O Centro Sociocultural do Castiñeiriño foi o escenario escollido para o inicio do percorrido da exposición A memoria da xente por diversos barrios composteláns. A nova proposta impulsada pola rede de Centros Socioculturais pretende "continuar e potenciar as diferentes iniciativas relacionadas coa memoria viva da cidade", como teñen sido xa "as mostras A historia vai por barrios ou as publicacións promovidas polo movemento veciñal do Castiñeiriño, Conxo, A Sabugueira ou Marrozos", segundo indicou a concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, durante a presentación aos medios da exposición.

Un modelo de iniciativa que é unha fonte fundamental para o desenvolvemento de distingos tipos de coñecemento social, antropolóxico e urbanístico, ao tempo que o seu caracter inacabado dá pé a ser o inicio doutras propostas diferentes. "A memoria da xente pretende continuar a promover esta liña de traballo mediante a organización dunha exposición, gráfica e audiovisual, itinerante que aborda ao conxunto da cidade dende 1900 ata 1975", explicou a edil, engadindo que "pretendemos mostrar as historias de vida a través das xentes, dos oficios, do lecer, das transformacións urbanas, etc".

Socorro García Conde resumiu os obxectivos da exposición na "posta en valor das ‘caras’ compostelás, incorporar á memoria colectiva todas as vidas de Santiago, converter en protagonistas estas pequenas historias anónimas" e, por último, "funcionar como base dun futuro traballo sociocultural que se desenvolva dende os propios centros para enriquecerse con máis achegas, comentarios, lembranzas, documentos, imaxes, actividades, etc".

Unha mostra itinerante
O conxunto da exposición está deseñado para que poida circular polos Centros Socioculturais de cabeceira da rede. Ademais do Castiñeiriño, estará no do Ensanche, no de Vite, no de Conxo e no das Fontiñas e, incluso algún dos seus módulos, poderá itinerar polo resto de centros e locais socioculturais. "Os contidos desenvólvense en soportes gráficos e audiovisuais, nun ton máis suxestivo que de narración densa, e están concibidos para que a visita entretida que se pode facer en máis ou menos 45 minutos", describiu a concelleira.

Entre os elementos da mostra destaca un panel informativo sobre a transformación urbana con liña do tempo e punto de escoita e visionado de audiovisual. Acompañado de oito paneis impresos por ambas caras dedicados aos seguintes bloques temáticos: "Así mudou Compostela", "Vida e morte", "Alimentación", "Formación persoal", "O traballo", "Convivencia social", "Habitar o territorio" e "O lecer e as festas".

Outros elementos destacados son as tres siluetas que, baixo o epígrafe "As mans do traballo", están dedicadas ás leiteiras, aos minuteiros e aos zoqueiros. Xunto a elas dous puntos de escoita e visionado dos audiovisuais nos que a veciñanza de Compostela dá a súa "fe da vida" na cidade. E máis catro cubos representando "As caras de Compostela" con "imaxes de Fotos Lalo", o "home do paxaro", o "vendedor de prensa" e os "vellos do acordeón". Complétase o conxunto cun panel-muro con 80 veciños e veciñas de Santiago.

"Compostela no NO-DO" e dixitalización de imaxes
Do labor sociocultural asociado a Á memoria da xente xurdiron xa as dúas primeiras iniciativas que se teñen programado dende a rede de CSC de Santiago: "Compostela no NO-DO" e unha recompilación e dixitalización de imaxes. Grazas á colaboración da Filmoteca Nacional e do Centro Galego de Artes da Imaxe proxectaranse imaxes de Compostela que se emitiron no NO-DO entre 1943 e 1981.

Coincidindo coa exposición proxectarase un audiovisual que recolle unha escolma da presenza de Santiago no noticieiro ordenadas cronoloxicamente e agrupadas en dous fíos temáticos: a Compostela de 1944 nun documental titulado Un día en Santiago e diferentes acontecementos que tiveron lugar na nosa cidade entre 1943 e 1971. Trátase dun relato audiovisual no que vemos reflectida a percepción da nosa cidade e as transformacións que se foron producindo nos hábitos e na paisaxe.

A iniciativa de recompilación e dixitalización de imaxes terá como obxectivo enriquecer o arquivo gráfico municipal. Para isto fixaranse uns días nos que as persoas interesadas en ceder imaxes antigas poidan achegarse ao Centro Sociocultural, onde se escaneará a fotografía para o arquivo, devolvéndolle o documento ao instante e dándolle, ademais unha copia en formato dixital.

Calendario da Exposición

• CSC Agustín Bueno do Castiñeiriño do 25 de febreiro ao 11 de marzo (inauguración o venres 25 ás 20:00 horas)
• CSC das Fontiñas do 15 ao 30 de marzo
• CSC do Ensanche do 2 ao 16 de abril
• CSC de Vite do 19 abril ao 4 de maio
• CSC Aurelio Aguirre de Conxo do 7 ao 21 de maio
• CSC da Trisca do 24 de maio ao 7 de xuño

As datas das itinerancias polo resto de locais socioculturais comunicarase oportunamente.

Compartir: